Periscope estrea un sistema de comentarios moderados pola comunidade

mércores, 1 de xuño do 2016 Marcus Fernández

As retransmisións de vídeo a través de plataformas como Periscope resultan moi atractivas pola súa capa social, pero ese elemento tamén pode converterse en todo un problema, e por iso dende Periscope decidiron tomar medidas para evitar o spam e os abusos, para manter segura a súa comunidade de usuarios, polo que están a desenvolver un sistema de moderación de comentarios transparente (que a xente entenda como funciona), dirixido pola comunidade (os participantes dunha retransmisións son os que mellor poden determinar o que está ben ou non, de xeito que un comentario nunha emisión humorística podería quedar fóra de lugar noutros foros) e en tempo real (os usuarios poderán denunciar e moderar comentarios segundo saen en pantalla).
Este novo sistema de moderación de comentarios xa iniciou a súa implantación, e permitirá que durante unha retransmisión os usuarios poidan denunciar comentarios como spam ou abuso, de xeito que non veremos as mensaxes do comentarista que denunciemos durante o que reste de retransmisión; cando se denuncia un comentario un pequeno grupo de usuarios ao azar poderán votar se o comentario é spam, abuso ou resulta axeitado; o resultado da votación amosarase aos votantes, e se o comentario resulta reprobado o seu autor recibirá unha mensaxe na que se lle notifica da súa inhabilitación temporal (que será durante toda a retransmisión en caso de reiteración).
Esta solución busca ser lixeira e áxil, para que en poucos segundos, sendo os usuarios libres de elixir se queren ou non participar destas funcionalidades para manter limpa a comunidade. Cómpre comentar que os responsables das retransmisións sempre poden denunciar e bloquear a usuarios molestos, así como limitar os comentarios só a xente que coñecen, pero a nova solución atopada por Periscope consegue que certas conversas masivas poidan auto-xestionarse, de xeito que a persas que realiza a retransmisión pode estar menos preocupado polos malos comportamentos dalgúns usuarios e centrarse no que quere contar nos seus vídeos en vivo.

PUBLICIDADE