Penduran na Web a Guía Visual das 200 calorías co obxectivo de mitigar os estragos do Nadal

venres, 5 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se existe unha época no ano en que sexan ben recibidas as axudas para controlar o noso peso é esta época que vivimos agora, xusto a piques de saír das festividades do exceso por excelencia: as festas dos agasallos, das luceciñas e das enchentes que comezan xa a principios novembro cando os centros comerciais sacan a árbore ó escaparate e rematan agora (porque a festa do Nadal, digo eu, debe ser outra cousa que nos quedou hai tempo no camiño).
Ironías aparte, probablemente non haxa un só galego que non teña gañado peso estes días, e xa a fame nos entra polo ollo sería lóxico supoñer que a mesura tamén tería que entrar pola mesma canle. O caso é que en WiseGeek vimos de descubrir unha listaxe de todo aquilo que comemos a cotío (agás a manteiga de cacahuete, que por aquí débense contar cos dedos da man os que se animan a papala) e en relación directa coas calorías que nos achega. Chámase Guía Visual das 200 calorías e vai encamiñada a ser unha axuda para saber a que nos arrincamos cando lle botamos a certas comidas medio tarro de mantequilla ou cando entramos en marcha fixa no san costume de cear cada día unha hamburguesa completa.
A listaxe en si mesma é unha parvada, malia que é de recoñecer que ten certa forza visual. Sexa como sexa, esperamos que non teña o efecto contrario e que mirar para estes pratos e as súas correspondentes calorías acabe por darnos máis fame có principio. Xa se sabe que hai algunhas persoas que engordan a base de dietas, precisamente porque nas dietas que lles asignan vén incluído todo o que de verdade lles gusta.

PUBLICIDADE