Pendurado na Rede A Guía Miguelinho, un repaso polo máis selecto da hostalaría compostelá

martes, 19 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A medio camiño entre a homenaxe ó nosa tradición hostaleira (e máis concretamente gastronómica) e a brincada máis completa, pero máis preto do primeiro que do segundo, vense de pendurar no YouTube A Guía Miguelinho, un traballo feito polo mesmo equipo cá Marinha Dor e no que se nos ofrece un repaso polo máis senlleiro da liña estratéxica do sector galego que fica no extremo máis oposto da cociña sofisticada.
Asemade, no vídeo en cuestión poderemos ver cómo se reivindica o emprego de chapeu con publicidade de Biona entre o persoal hostaleiro, o marisco criado e mantido nun cortello no canto do de piscifactoría ou unha presentación simple e certeira das viandas (neste caso, unha cachucha de porco, posta na mesa sen maiores filigranas) no canto dun coidado extremo na distribución e a imaxe.
Protagonizado por Pepa Yáñez, Ramón do Freixo e Miguel de Lira, o vídeo céntrase sobre todo na chegada a Compostela dunha turista francesa, cidade á que arriba cunha soa idea nos miolos: visitar o máis selecto da súa oferta culinaria. Polo camiño, atópase a dous personaxes autóctonos que lle poñen diante dos ollos o que todo turista debería saber: non todo o mellorciño dun país ten por que aparecer nas guías.

PUBLICIDADE