Pedro Brandariz reflexiona no seu novo espectáculo sobre que facer cos formatos en desuso

xoves, 6 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O noso cómico Pedro Brandariz, a quen puidemos ver recentemente na webserie Peter Brandon, volve tocar a cuestión tecnolóxica cunha nova entrega de humor e rexouba, Technologies, aínda que desta volta o tecnolóxico preséntase como o asunto principal da proposta: motivo de reflexión, de crítica e de retranca. A estrea de Technologies será o 12 e o 14 de setembro. Neste novo espectáculo, o monologuista achéganos, nas súas palabras, “unha nova peza cómica e humorística na que se aborda dende un punto de vista moi particular a vertixinosa evolución das tecnoloxías cotiás, as do día a día”.
Brandariz fai nesta proposta un percorrido saudoso polas cintas casete, os VHS, os DVD, os CD-ROM e “un lote máis de cacharradas que agora non sabe que facer con elas”. Brandariz aproveita para facer reflexión crítica dos camiños que adoita percorrer a evolución tecnolóxica, uns camiños que deixan as gabias e os regos cheos até arriba de aparellos e demais material electrónico e tecnolóxico en desuso en canto aparece un novo formato ou novidade. De feito, Technologies tamén é un xeito de mostrar a súa carrexa por “todos os cartiños que inverteu en algo que agora vén sendo auténtico lixo”.
En definitiva, a obra é un repaso tecnolóxico ó noso pasado máis recente co que o público de diferentes idades non terá problema en identificarse. A preestrea será o día 12 na Sala Babá Bar da Coruña, ás 21:30 e a estrea definitiva o 14 de setembro, sexa feira, no Edificio Social Toñito Espiñeira do Concello de Carral, ás 21:00.

PUBLICIDADE