Pedro Blanco fai un chamamento ás pemes galegas para que aproveiten as oportunidades do Kit Dixital

xoves, 31 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, visitou esta semana as instalacións da empresa agroalimentaria Kalekói, en Lalín. Blanco aproveitou a súa estadía na comarca do Deza para animar ás pemes galegas a solicitar as axudas do novo Programa Activa Crecemento posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con fondos do Plan de Recuperación do Gobierno. Este programa, dotado con 15,9 millóns de euros, “ten como finalidade a contratación, por parte das pequenas e medianas empresas, de servizos de asesoramento personalizado”, dixo, ao tempo que fixo un novo chamamento ás pemes para “que non deixen pasar a oportunidade do Kit Dixital”.
Resepcto do Programa Activa Crecemento, o delegado explicou que as empresas beneficiarias poderán contratar consultoras e entidades de acreditada experiencia para dispoñer dunha diagnose da súa situación e activar un plan de crecemento destinado, por exemplo, a innovación, recursos humanos, dixitalización ou mercadotecnia. Trátase, dixo, “dunha magnífica oportunidade para seguir avanzando na modernización e na innovación do noso tecido empresarial facendo ás pequenas e medianas empresas máis competitivas”. O prazo de solicitude abrirase o próximo 5 de setembro e a convocatoria está aberta a todas as empresas con condición de peme.
Kit Dixital
Xunto a estas axudas, o delegado emprazou ás empresas e persoas autónomas de Lalín a non deixar pasar a oportunidade que supón o Kit Dixital, un programa que promove a dixitalización dos pequenos negocios e que na provincia de Pontevedra leva mobilizados máis de 21 millóns de euros, con máis de 4.000 beneficiarios. O prazo de solicitude destas axudas está aberto ata fin de ano.
Kalekoi
No transcurso da visita ás instalacións do taller de produtos lácteos especializado na elaboración de iogures, kéfir e leite fresco, Pedro Blanco destacou “o exemplo que supón Kalekoi, unha pequena empresa familiar que destaca claramente polo seu enfoque innovador e polo seu compromiso coa sustentabilidade, a competitividade e a máxima calidade do produto”, motivos polos que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación outorgoulle un accésit nos Premios Alimentos de España 2022 na modalidade de Iniciativa Emprendedora. O delegado quixo aproveitar a ocasión para felicitar a esta empresa por este galardón, así como a Lácteos Anzuxao, tamén de Lalín, que recibiu o Premio Alimentos de España 2023 na categoría de Mellor Queixo Madurado.

PUBLICIDADE