Péchase en Lugo a xira do cabaré científico de Chévere

venres, 5 de decembro do 2008 Raquel Noya

Péchase en Lugo a xira do cabaré científico de Chévere A soada xira que o Cabaré Científico SOS Planeta Terra levou a cabo por toda Galiza e Asturias nas últimas semanas con motivo da Semana da Ciencia, chega á súa fin este venres, día 5 de decembro, en Lugo, coa súa última representación no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 20:30 horas.
Como viñemos lembrando ao longo das pasadas semanas, a Semana da Ciencia trátase dunha cita anual de referencia no ámbito europeo para achegar a ciencia e a tecnoloxía máis divulgativa á sociedade e en Galiza estivo coordinada pola Consellaría de Innovación e Industria en colaboración con FECYT, Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal. Neste marco, o Cabaré Científico é unha das actividades estrela do programa e este ano desenvolveuse baixo o título de SOS Planeta Terra, a fin de concienciar aos asistentes da necesidade de coidar o medio ambiente se non queremos un tráxico final para o noso planeta.
O espectáculo consiste nunha representación escénica que combina varias expresións artísticas arredor do tema da ciencia e que vai destinada a un público adulto. Este Cabaré baséase nun formato que desenvolve en Galiza, dende 1922, a compañía Chévere: a Ultranoite.
Trátase dun espectáculo híbrido no que participan artistas de diversas disciplinas: teatro, música, danza, maxia, malabares, vídeo... facendo todo tipo de números sobre o tema proposto, neste caso as Ciencias da Terra xa que 2008 foi declarado Ano Internacional do Planeta Terra pola Unesco.
A partir de aí sucederanse sobre o escenario todo tipo de números musicais e teatrais que utilizan a maxia, o circo, o mimo, a palabra e, sobre todo, o humor, a parodia e a irreverencia para comunicar ao público unha serie de temas con substrato científico que afectan á saúde do Planeta, para ben e para mal: o quecemento global, a reciclaxe, as enerxías renovables, o cambio climático, a biorremediación, a escaseza de auga, a pegada ecolóxica, a biocapacidade, etc.
O elenco estará formado por Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo, Xron, Arantza Villar, Clara Gayo, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Pablo Trasno, Fredi, Mago Romarís, Duelirium (Raquel, Merche), César Goldi; polos músicos Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Max Gómez (batería), Manuel Cebrián (violín, guitarra) e os vídeos de José Luis Sierra Pilo.
Na imaxe, o grupo Chévere, na preparación da obra Alá no fondo hai sitio abondo, do pasado ano 2007.
Os datos da xira

A iniciativa do Cabaré Científico tivo unha primeira fase en outubro coa celebración dun Obradoiro de Cabaré na Sala Nasa de Santiago, na que artistas e científicos puxeron en común as súas ideas sobre como difundir mellor a ciencia. A segunda parte do Cabaré, a xira, comezou na Sala Nasa de Santiago os días 6, 7 e 8 de novembro, onde acadou cheo de público nas tres representación. Despois de ser representada en Pontevedra o día 14, a xira continuou en Ourense o día 15 e en Ferrol o día 29 de novembro. Ademais, a xira tivo continuidade en Asturias con representacións en Avilés (día 19); Cangas del Narcea (día 20); Gijón (día 26) e Oviedo (día 27).

PUBLICIDADE