Páxinas Galegas actualízase cunha ferramenta de xeolocalización

martes, 12 de xullo do 2011 Raquel Noya

A empresa de servizos de busca, Páxinas Galegas, con sede en Vilargarcía de Arousa, vén de modernizar o seu sistema de ubicación de empresas, produtos e servizos no mapa, integrando unha ferramenta (feita con software de seu) que utiliza tecnoloxía de xeolocalización.
Trátase dunha aplicación específica para as plataformas iPhone e Android, que permite acceder de balde a máis de 120.000 referencias xeolocalizadas en toda Galicia, de xeito doado e rápido.
Segundo afirmaron os desenvolvedores durante a súa presentación, que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela, é a “primeira ferramenta destas características realizada integramente en Galicia”, da que destaca a súa efectividade, o seu emprego intuitivo e a calidade da información.
A principal vantaxe desta ferramenta galega é a potencia e fiabilidade da súa base de datos, froito de moitos anos de experiencia no sector, que lle permitiron aos seus creadores realizar unha aplicación “de suma eficacia e máxima concreción”, tal e como afirmou o xerente de Páxinas Galegas, Francisco Díaz.
As persoas asistentes á presentación desta ferramenta virtual puideron presenciar unha demostración in situ do seu funcionamento, podendo comprobar, de primeira man, a súa utilidade e a capacidade de detalle que ten en calquera entorno urbano.
Páxinas Galegas tamén aproveitou este acto para anunciar que levará a cabo diversas accións promocionais dende a propia aplicación, que inclúen o sorteo dun iPhone entre os usuarios e usuarias que deixen comentarios sobre as empresas xeolocalizadas a través da ferramenta.
Con esta nova aplicación, a empresa de Vilagarcía, cuxa web é a sétima de Galicia en número de visitas (cunha media de 40.000 usuarios únicos diarios e 125.000 páxinas vistas ao día), dá un paso máis á fronte na súa aposta pola dixitalización e modernización dos seus servizos.

PUBLICIDADE