Paula López, directora adxunta do CiTIUS, máxima responsábel do proxecto europeo MENELAOS

martes, 9 de marzo do 2021 Redacción

A directora adxunta do CiTIUS da Universidade de Santiago, Paula López Martínez, foi elixida como a máxima responsábel do proxecto MENELAOSNT, unha rede de formación de novos doutores a nivel europeo financiada polo competitivo programa de axudas Horizonte 2020. En virtude disto, a dirección científica do proxecto (coordinado até o de agora dende a Universidade de Siegen, Alemaña) trasládase desta maneira ao centro de investigación en Intelixencia Artificial situado en Santiago de Compostela, mentres que a coordinación executiva da actividade dos socios seguirá realizándose desde a institución alemá.
O nomeamento, proposto polo director saínte do proxecto, o investigador Otmar Loffeld (que seguirá vinculado ao proxecto como consultor científico), converte tamén á directora adxunta do CiTIUS en permanent guest scientist da Universidade de Siegen.
O proxecto MENELAOSNT afronta o reto urxente de explorar o mundo que nos rodea a escala micro e macroscópica, a través da ciencia e a tecnoloxía. O obxectivo desta rede de investigación é “proporcionar aos científicos coñecementos máis profundos, unha mellor comprensión e máis información para entender e facer monitoraxe dos procesos que teñen lugar na nosa contorna, co obxectivo de poder predicir, e mesmo controlar, posíbeis evolucións críticas”.
Segundo explica o CiTIUS, o proxecto MENELAOSNT aplica novas tecnoloxías para realizar unha fusión de datos multimodal-multisensor, é dicir, conseguir combinar de maneira óptima os datos rexistrados por diferentes tipos de sensores e a diferentes escalas, con diferentes resolucións e distinta fiabilidade.
Integrado por 7 socios de 5 países diferentes, o consorcio está dotado cun orzamento global de máis de 3,6 millóns de euros en total, destinados a impulsar novas xeracións de científicos en liña cos Principios da UE sobre Formación Doutoral Innovadora.

PUBLICIDADE