Patricia Argerey coñeceu de primeira man as innovadoras contribucións tecnolóxicas de 3edata

martes, 7 de setembro do 2021 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou este 7 de setembro a sede lucense da empresa de base tecnolóxica 3edata Ingeniería Ambiental, nada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e adicada a tecnoloxías de información xeográfica e consultoría especializada no sector ambiental, ao que cómpre engadir a súa experiencia en varios proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia (o que lle permitiu xerar cinco novos empregos e facturar máis de medio millón de euros en contratos dentro da iniciativa).
Argerey aproveitou a visita para destacar “a contribución do polo ao reforzo da capacidade tecnolóxica e industrial das empresas galegas”, así como “a súa diversificación e orientación cara un sector con gran potencial de futuro como é o aeroespacial”. En concreto, informou de que no período 2015-2020 foron un total de 28 as pemes que participaron no Polo (contou con máis de 50 axentes implicados), conseguindo unha facturación conxunta de 26,2 millóns de euros. Con respecto á provincia de Lugo, as pemes participantes na iniciativa acadaron unha facturación de 14,5 millóns de euros, un 59% do total.
Patricia Argerey aproveitou para lembrar que permanecen aínda abertas dúas licitacións vencelladas ao Polo Aeroespacial de Galicia. A primeira delas, cuxo prazo remata o vindeiro venres 10 de setembro, ten por obxecto asinar acordos de asociación, a través dun investimento de 40M€, con entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D na nova etapa do Polo Aeroespacial 2021-2025. Aínda que a licitación está enfocada a grandes empresas, agárdase que produza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas.
Asemade, lembrou que continúa aberta ata o 23 de setembro a contratación para o desenvolvemento de solucións innovadoras para entorno de simulación U-Space, licitada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).
Información para optimizar a xestión do territorio e forestal
A empresa 3edata participou en varios dos contratos do Programa de Solucións do Polo Aeroespacial de Galicia, entre os que destaca o desenvolvemento dunha plataforma que permite a semi-automatización da cartografía da ocupación do solo de Galicia.
Ademais, tomou parte xunto á Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Tecnológico Forestal y de la Madera e o Centro de Observación y Teledetección Espacial (COTESA) no contrato Terra-4 no que se deseñou unha solución para a xestión e control forestal a partir de datos capturados polos sensores aerotransportados en vehículos non pilotados.
A peme tecnolóxica participou tamén na cuarta edición da aceleradora de innovación ViaGalicia, impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo, cun proxecto de servizos de análises de información territorial obtida mediante drons, para o que obtivo un apoio económico de 30.000 euros, e no programa Principia da Axencia Galega de Innovación, a través do que conseguiu apoio para a contratación de dous técnicos de I+D+i, un na convocatoria de 2017 e outro na de 2018, que seguen traballando na empresa.
Con sete empregados, desenvolve traballos principalmente para o mercado galego, pero tamén teñen clientes fóra (Madrid, Estremadura, Castela e León, Andalucía, Alemaña ou Países Baixos).

PUBLICIDADE