Participación galega nas semifinais do certame de negocios Beertual Challenge

venres, 30 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Internet é un mercado sen límites e unha plataforma de venda que nos libera de moitas das obrigas e dos gastos en infraestruturas que normalmente van ligados á posta en marcha dunha iniciativa empresarial. En certo xeito, a Rede achega o emprazamento sen límite que estabamos a procurar. Nesta liña de aproveitar as posibilidades do virtual é onde se están a situar catro estudantes dos Campus de Ourense e Santiago no vieiro de consolidar un negocio de simulación en liña que abra unhas cantas portas aos máis que posibles mozos e mozas emprendedores/as que veñan detrás. Estamos a falar da firma cervexeira virtual Pomelo. A compañía, radicada no ficticio país de Beerland, vén de ser impulsada por Pablo Gutiérrez, Silvia Costas e Cristina Fernández, acompañados para a proposta de Pablo Encabo, estudante da Universidade de Santiago.
Segundo informa a páxina web da Universidade de Vigo, a iniciativa non só constitúe un exemplo para as máis que posibles propostas reais da mocidade galega no camiño do empresariado-dixital, senón que lles serviu tamén de palestra para chegar ás semifinais do xogo de negocios Beertual Challenge que organiza a fabricante da cervexa Coronita, o Grupo Modelo.
Por certo que o camiño destes catro estudantes no dito certame non foi o que se pode entender por un camiño chairo: tiveron que competir con até 1.800 participantes de todo o mundo para chegar ás semifinais. Arestora e con todo, o vieiro a seguir por este equipo do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense tampouco semella ben doado: ás semifinais chegaron un total de setenta equipos. Porén, Pablo, Silvia e Cristina non estarán sós representando a Galiza: no dito grupo hai outro equipo galego procedente da Universidade de Santiago. Trátase do equipo Takamatsu Tax Shields, que podemos ver no sitio en liña de Universia xunto aos restantes competidores actualmente activos.

Os premios

Os seis grupos que logren chegar ao final desta dura competición de negocios, tres en cada categoría, gozarán dun abano variado de premios. No apartado de licenciatura os galardóns son para o primeiro un MBA, máster en administración de negocios, nunha universidade clasificada entre as 15 mellores do mundo; para o segundo posto o mesmo premio pero nunha universidade que se atope entre o número 15 e 30 das mellores valoradas e para o bronce o MBA será nunha universidade do seu país. No tocante á categoría de máster os premios son os seguintes: o primeiro equipo clasificado viaxará a China durante tres semanas; o segundo dúas semanas a Europa e o terceiro unha semana a Canadá; todos eles visitarán nos seus respectivos destinos aos cónsules comerciais, as autoridades políticas rexionais, as universidades e a contactos culturais.

PUBLICIDADE