Parler desaparece por non atopar empresas que hospeden o seu servizo

luns, 11 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

John Matze recoñecía en Parler as dificultades ás que estaban a enfrontarse

O feito de que a plataforma social alternativa Parler pasase a ser o refuxio dos discursos de extrema dereita dende o que se coordinaron as mobilizacións que desembocaron nun asalto ao Capitolio dos EE.UU. está a ter serias consecuencias, xa que desvelouse que o discurso de defensa da liberdade de expresión que sostiñan dende Parler era unha fachada que agochaba unha ameaza á seguridade pública, o que forzou a que tanto Apple como Google expulsase a súa aplicación das súas respectivas tendas, dificultando así o acceso ao servizo.
Pero a cousa non rematou aí, senón que a propia Amazon remitiu unha notificación a Parler advertindo que deixarían de facilitarlle o acceso á hospedaxe nos servidores de AWS, medida que entrou en vigor na medianoite do domingo, o que supuxo a desaparición de Parlor da Rede por mor da proliferación do contido violento incumprindo as condicións de AWS.
O director xeral de Parler, John Matze, chegou a asegurar que até os avogados os estaban a abandonar, e o retorno do servizo podería adiarse bastante, xa que Matze non atopa empresas que queiran ofrecerlle os seus servizos. Temos aquí un claro exemplo do difícil que é operar na Internet sen a colaboración dos xigantes da Rede, xa que controlan dende os grandes servidores até as canles ás que as aplicacións chegan aos usuarios finais, de xeito que prosperar á marxe de todo isto resulta moi complicado, cando menos nos EE.UU.

ACTUALIZACIÓN: Dende Parler están a responder ante a súa expulsión de AWS presentando unha denuncia ante un xulgado do estado de Washington na que solicitan medidas cautelares, ou sexa, que pedirían que AWS tivese que seguir ofrecendo os seus servizos a Parler mentres non se soluciona a causa xudicial por considerar que a drástica resposta de Amazon suporía a morte de Parler como empresa.

PUBLICIDADE