Parkapp celebra o seu segundo aniversario

venres, 17 de xullo do 2015 Redacción

A aplicación galega Parkapp, dirixida entre outras cousas a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo coa axuda dos seus dispositivos, cumpre esta fin de semana dous anos de vida (máis polo miúdo o domingo 19), un acontecemento que os seus responsábeis non queren deixar de salientar. Por este motivo, lanzaron na Rede un vídeo conmemorativo que ten unha dupla finalidade: por unha banda celebrar o dito aniversario e, pola outra, achegar “un pouquiño máis á xente a idea de como funciona dentro unha startup como Parkapp”. No vídeo destácase o valor do traballo en equipo e, sobre todo, a satisfacción que dá o feito de “sacar entre todas e todos un proxecto adiante”.
Lembrar que en abril deste ano (e facendo un pouco de reconto de éxitos recentes), a empresa estableceu un acordo coa plataforma Plusvecinos para lanzar unha nova funcionalidade que engadir á súa xa completa listaxe de servizos. Segundo nos contaron dende Parkapp, a devandita funcionalidade nova consiste en ofrecer ás comunidades de veciños a súa tecnoloxía co fin de que a empreguen libremente para entrar nos seus garaxes, reemprazando os mandos a distancia pola devandita ferramenta e poñendo en xogo un factor a ter moi en conta: o factor aforro.
Lembrar tamén que Parkapp, amais de facilitarnos o acceso ao garaxe, foi lanzada co obxectivo de axilizarnos a procura de praza de aparcadoiro máis próxima, achegando tamén información sobre prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do móbil, incluíndo descontos. Parkapp funciona, a maiores do devandito, como unha aplicación de balde que permite xeolocalizar ao usuario, ofrecer a ruta máis curta para chegar a un parking e, a través dun código QR, acceder ao aparcamento sen utilizar ticket.

PUBLICIDADE