Parallelware Trainer 1.0, unha nova ferramenta para democratizar a computación de altas prestacións

xoves, 13 de setembro do 2018 Redacción

Appentra, spin-off da Universidade da Coruña especializada en software para facer máis doada a programación en paralelo, vén de lanzar Parallelware Trainer 1.0, unha ferramenta que axuda a afondar na computación de altas prestacións (HPC) e na programación en paralelo dispoñible para Windows, macOS e Linux.
Parallelware Trailer 1.0 achega un contorno de aprendizaxe interactivo no que os usuarios poden aprender como paralelizar mentres interactúan con código real. Para entender onde e como poder paralelizar o código esta ferramenta emprega o núcleo de Parallelware Technology, un motor de análise xerárquica desenvolvido por Appentra Solutions.
Parallelware Trainer identifica oportunidades de paralelización en aplicacións reais; amosa que operacións poden paralelizarse nunha rexión específica de código (achegando unha listaxe de opcións a probar); axuda engadindo directivas OpenMP e OpenACC semanticamente correctas; acelera as probas para identificar as técnicas de paralelización máis eficientes; e axuda a entender por que certas directivas funcionan en situacións específicas e non noutras.

PUBLICIDADE