PandaLabs elabora unha completa listaxe coas estafas máis típicas da Rede

xoves, 2 de setembro do 2010 Raquel Noya

Cada ano, dende que as novas tecnoloxías e Internet son o que son na actualidade, miles de usuarios son vítimas de estafas a través da Rede, enganos que sempre, por norma xeral, buscan o beneficio económico a toda costa e sen importar a excusa.
Pandalabs, o laboratorio especializado en malware de Panda Security, estivo un tempo a recadar datos sobre os enganos máis empregados na Rede e recentemente vén de elaborar o ranking das estafas máis frecuentes que se foron dando nos últimos anos e que seguen a cobrar vítimas en liña a día de hoxe.
Segundo informan dende a entidade, o obxectivo é sempre o mesmo: “estafar ao meirande número de usuarios para conseguir contías económicas que poden ir dende os 500 ata os milleiros de dólares”.
Luis Corrons, o director técnico de PandaLabs asegura que o principal problema deste tipo de enganos en liña é que “as persoas afectadas raramente denuncian, e cando o fan, non é habitual que cheguen a recuperar as súa perdas, xa que”, engade, “os ciberdelincuentes soen perderse na Rede”.
A mellor defensa é pois aprender a recoñecer aos estafadores e evitar, deste xeito, converternos nunha vítima máis. Xa que logo, segundo a listaxe elaborada por PandaLabs, o ranking dos enganos máis frecuentes dos últimos 10 anos son os que seguen:
- Nixerianos, trátase da primeira estafa orixinada na Rede que chega en forma de correo electrónico e na que un suposto extranxeiro (normalmente nixeriano, daí o nome) nos comunica que precisa sacar unha importante cantidade de diñeiro (millóns de dólares) do seu país, prometendo grandes cantidades como recompensa pola molestia ocasionada.
Se a persoa usuaria accede, pídenlle que pague unha “pequena” suma para sufragar os gastos da transferencia bancaria, esa sería a contía perdida finalmente polo usuario.
- Loterías, o mecanismo é moi semellante ao anterior, só que neste caso, a persoa usuaria recibe un correo no que se lle notifica que saíu gañador dun sorteo. Neste caso tamén se solicita unha contía para sufragar os gastos da falsa transferencia.
- Mozas, neste tipo de estafas, unha moza guapa, normalmente procedente de Rusia, atopa a nosa dirección de correo e quere falar connosco. Sempre son mozas ás que lle “encantaría” visitar o noso país e “coñecernos mellor”. A estafa vén cando nos solicitan unha cantidade de diñeiro para pagar os billetes. En todos os casos e sen excepcións, as persoas que acceden ao engano non quedan só sen os cartos, tamén sen a moza!.
- Ofertas de traballo, esta estafa consiste en que a persoa usuaria recibe unha mensaxe dunha importante compañía extranxeira que busca axentes financieiros no noso país. Neste caso, os ciberdelincuentes empregan ás persoas estafadas para roubar diñeiro doutras persoas ás que lle roubaron previamente as súas credenciais bancarias, convertindo ao usuario en “mula” e polo tanto “cómplice” dun delito, porén sen sabelo.
- Facebook / Hotmail: Os ciberdelincuentes acceden a unha conta de Facebook, Hotmail ou servizo similar logo de conseguir a contrasinal. Cambia todas as credenciais para que o usuario real non poida entrar na súa conta e convence aos contactos do mesmo de que lle roubaron cartos xusto antes de marchar de viaxe e non ten para pagar o hotel.
- A compensación: é unha das estafas máis recentes e surrealistas nas que se informa da creación dun falso fondo para compensar as vítimas do engano nixeriano. As persoas estafadas volven a selo por segunda vez.
- A equivocación: neste tipo de enganos, os estafadores póñense en contacto coas persoas usuarias que publicaron un anuncio de venda de algo a través da Rede e envían rapidamente un cheque cun importe superior á contía. A estafa consiste en solicitar a devolución da cifra que puxeron de máis e que normalmente os estafados perden.

Como en toda estafa habida e por haber, o aconsellable normalmente é ter instalado un bo antivirus, aplicar o sentido común e desconfiar das mensaxes ou remitentes extraños.

PUBLICIDADE