Panasonic quere incrementar os seus produtos eficientes e máis a súa taxa de reciclaxe

venres, 13 de setembro do 2013 Redacción

Que unha empresa de lecer electrónico organice unha rolda de prensa con carácter universal para dar conta das súas medidas ambientais resulta cando menos interesante. En parte polo que se agarda dela e en parte polas portas que pode abrir a quen veña detrás. A empresa en cuestión non é outra que Panasonic, que na Feira IFA 2013 de Berlín deu a coñecer a súa nova Declaración de Sustentabilidade para Europa e a Comunidade de Estados Independentes (CEI), unha axenda de traballo que certifica, di a firma, que todas as súas actividades económicas conducen a unha sociedade máis sostíbel. Ao abeiro do programa, presentado baixo o epígrafe A Better Life, A Better World (Unha vida mellor, un mundo mellor), a compañía agarda cualificar máis do 80% dos seus modelos etiquetados dentro das dúas primeiras clases de eficiencia enerxética no mercado (actualmente só o 68% dispón desta clase de etiquetaxe).
“Nos últimos tres anos”, informou a empresa en Berlín, “Panasonic contribuíu á redución das emisións de CO2 das súas actividades de produción en máis de 17.000 toneladas, e en liña co compromiso para apoiar os obxectivos 20-20-20 da Unión Europea, a firma propuxo unha nova contribución á redución das emisións de CO2 de máis de 10.000 toneladas a través dos seus centros de fabricación europeos”. Panasonic tamén planea acadar máis dun 99% de cociente de reciclaxe nos seus centros de produción europeos, e, ademais, ofrecer unha redución do 5% na cantidade de residuos que se xeran no momento da produción.
Ademais de fixarse estes obxectivos ambientais, Panasonic tamén quere apoiar o desenvolvemento dunha sociedade sustentábel a través da educación, sobre todo a través do programa Kids School Eco-aprendizaxe que dende 2012 achegou coñecemento sobre o coidado á natureza a máis de 200.000 nenos e nenas. A nova liña estratéxica amplía este obxectivo e fixa como meta chegar a 300.000 estudantes en marzo de 2016.

PUBLICIDADE