Pagan 135 millóns de dólares polo dominio .web

venres, 29 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os novos dominios de Internet non serven só para salientar a comunidades sociais ou lingüísticas como fan o .gal e o .eus, senón que en moitos casos xeran un importante negocio ante a dificultade de conseguir dominios .com atractivos, e un dos dominios de primeiro nivel que podería dar máis xogo sería o .web, que vén de someterse a poxa despois de que 8 compañías quixeran facerse coa súa administración, indo a parar finalmente a NU DOT CO LLC, compañía que accedeu a pagar 135 millóns de dólares (121,5 millóns de euros) para poder vender dominios .web, o que contrasta enormemente coa cantidade que Vistaprint Ltd pagou para facerse cos dominios .webs: 1 dólar.
Até o momento o dominio polo que máis se pagara en poxa fora o .shop, adxudicado por 41,5 millóns de dólares, e agora que o .web xa ten rexistrador, queda por ver o uso que dará a tan atractivo dominio de primeiro nivel, xa que compensar a elevadísima cantidade pagada polo dominio non parece tarefa doada.
As poxas por novos dominios de Internet supuxeron xa uns ingresos para ICANN de 230 millóns de dólares, cantidade bastante elevada se temos en conta que tal fórmula é o último recurso para a adxudicación de dominios de primeiro nivel.

PUBLICIDADE