Pablo Grandío explicará as chaves das boas notas de prensa no sector dos videoxogos

venres, 15 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A sede da European Business Factory (EBF) en EXPOCoruña acollerá os vindeiros días 22 e 23 de febreiro unha nova edición do seu curso de certificación Scrum Manager, co que obterase certificación oficial, así como acceso vitalicio como membro a Scrum Manager, documentación adicional, manual oficial e experiencia práctica e real para poder implantar a axilidade nunha organización.
Esta actividade formativa para profesionais con experiencia en metodoloxías áxiles e do sector TIC estará precedida o día 21 ás 19:00 horas por un relatorio de Pablo Grandío, director de Vandal, un dos medios de referencia do sector dos videoxogos en fala hispana, quen achegará as claves para facer notas de prensa interesantes dende o punto de vista da prensa de videoxogos para así conseguir repercusión.
Esta charla dunha hora de duración será de especial interese para estudios de desenvolvemento que están a dar os seus primeiros pasos, así como para estudantes de desenvolvemento de videoxogos, mercadotecnia e outros ámbitos afíns ao emerxente sector do lecer electrónico.
Os interesados en acudir a este relatorio de Pablo Grandío poden inscribirse de balde por correo electrónico.

PUBLICIDADE