Pablo Fondo (AtlantTIC) achega un mecanismo que permite reducir a latencia nas comunicacións

martes, 22 de novembro do 2022 S. P.

Pablo Fondo, investigador do centro AtlantTIC da UVigo (Grupo de Tecnoloxías da Información), desenvolveu na súa tese doutoral un mecanismo que permite reducir a latencia nas comunicacións e achegar meirandes cotas de fiabilidade. Con esta tecnoloxía, emendaríanse dúas das principais eivas das arquitecturas estáticas das redes 4G, que decote son incapaces de soportar estas comunicacións dun xeito eficiente.
Na súa investigación Fondo fai uso da denominada computación no bordo da rede (Multi-Access Edge Computing, MEC) para desenvolver un mecanismo capaz de reducir a suma de retardos temporais nas redes 5G, sendo, ademais, compatíbel coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración e permite tamén facer uso inmediato desta tecnoloxía.
“Este mecanismo está baseado nas redes definidas por software, que permiten mover as comunicacións do usuario a bordo da rede de forma dinámica”, explica o investigador, engadindo que “entre as principais vantaxes que achega o uso deste paradigma está, precisamente, a redución da latencia das comunicacións, que é un aspecto crítico das redes 5G”.
O sistema proposto na tese permite a integración de servizos de MEC nas redes dos operadores “dunha forma dinámica”, explica Fondo, aclarando que con este mecanismo outórgase maior flexibilidade aos operadores e permítese reconfigurar a rede dun xeito totalmente transparente para os dispositivos finais, sen romper ou alterar ningunha das comunicacións que ten establecidas. “Por exemplo, cando un usuario conectado a unha rede cunha latencia moi alta, nun momento dado nota que a calidade das súas comunicacións empeora, o mecanismo proposto axudaría a mover as comunicacións dese usuario ao bordo da rede nese mesmo intre, conseguindo reducir os retardos que percibe e, en consecuencia, mellorar a calidade das súas comunicacións”, explica o investigador, quen desde 2018 imparte docencia no Departamento de Enxeñaría Telemática.
A segunda gran vantaxe deste mecanismo márcaa o feito de que sexa compatíbel coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración, xa que permite facer uso desta tecnoloxía nas redes que xa teñen actualmente despregadas os operadores, mellorando o seu retorno de investimento.
Dirixida polo profesor Felipe Gil, responsable do Laboratorio 5G da UVigo, a investigación fixo un estudo pormenorizado da aplicación deste mecanismo en casos de uso de comunicacións vehiculares, onde, debido á propia natureza do escenario, existe unha alta mobilidade dos terminais.
Natural de Culleredo, Pablo Fondo é graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (2016) con Premio Nacional Fin de Carreira, mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación (2018) e doutor en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (2022) con Mención Internacional e Cum Laude pola Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE