Pablo Fernández (UVigo) debulla nunha monografía 25 aspectos clave da Intelixencia Artificial e os dereitos de autor

venres, 4 de febreiro do 2022 S. P.

O investigador Pablo Fernández Carballo-Calero, profesor da Área de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo (UVigo), é o responsábel dunha pormenorizada análise sobre a Intelixencia Artificial e as cuestións legais ligadas ás obras creadas polos sistemas intelixentes. Trátase da obra 25 things you should know about Artificial Intelligence Art and Copyright, no que achega 25 aspectos claves novas tecnoloxías, sistemas autónomos e dereitos de autor.
Editado por Thomson-Reuters Aranzadi, a monografía está escrita en inglés e dá continuidade a unha obra lanzada polo mesmo autor e editorial en marzo de 2021 na que se analizaba a propiedade intelectual das obras creadas por IA, distinguindo entre aquelas realizadas por máquinas intelixentes de maneira autónoma, “se é que a día de hoxe isto é posible”, matiza o autor, e aquelas nas que se verifica unha contribución humana relevante no proceso creativo.
O autor explica que “dado o impacto do tema no ámbito internacional, decidín facer esta versión en inglés cunha orientación máis divulgativa e centrada neses 25 puntos clave para entender a problemática que expón a creación de obras de arte por máquinas intelixentes”. Para ilustrar esta problemática, pon o foco en obras concretas como por exemplo The next Rembrandt, pintura que viu a luz case 350 anos despois da morte do pintor holandés e que constitúe “un bo exemplo do impacto que a IA está a ter no ámbito da arte”. Analizando esta contribución e outras como o uso de IA para finalizar o que sería a décima sinfonía de Beethoven, ou tamén para a recuperación de tres pinturas perdidas de Gustav Klimt (proceso impulsado por Google Arts and Culture e especialistas do Museo Belvedere de Austria), Pablo Fernández debuxa un panorama ateigado de interrogantes en materia de dereitos de autor, até o de agora centrados única exclusivamente nas persoas naturais ou físicas. Segundo fai saber, para resolver estas cuestións será básico determinar se a Intelixencia IA xerou unha obra concreta de forma autónoma –sen intervención humana ou cunha intervención mínima- ou se, pola contra, pese a contar coa axuda dun sistema de IA, xerouse grazas a unha contribución humana relevante.
Fernández Carballo-Calero insiste no primeiro capítulo da obra na idea de que a IA está presente de moitas maneiras na vida das persoas. “Sen ir máis lonxe, as melloras intelixentes realizadas nos selfies efectúanse grazas a esta tecnoloxía que identifica o enfoque adecuado”, ou, outro exemplo, os asistentes de voz, que procesan linguaxes naturais para interpretar ordes emitidas pola voz humana, permítenlles aos usuarios reproducir música, axustar o volume, facer chamadas e enviar mensaxes mentres conducen, buscan fotos, reservan un taxi, controlan a domótica do fogar, contrastan información, realizan cálculos e unha infinidade de posibilidades. “Tales asistentes avísannos de noticias e eventos en función das nosas preferencias, propóñennos accións e, en definitiva, axúdannos nas nosas tarefas cotiás a través de recordatorios e indicacións baseadas nas nosas rutinas”, engade o autor da monografía.

PUBLICIDADE