PSA Peugeot-Citroën incluirá Linux en 20.000 equipos informáticos

luns, 13 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Sede viguesa de Citroën

Cada vez son máis as empresas (grandes e pequenas) que apostan polo software libre. Estes días, vén de dar un paso cara ós codigos abertos unha das que máis repercusión ten na nosa terra, o grupo PSA Peugeot-Citroën, que migrará 20.000 computadores a GNU/Linux, segundo informa a plataforma mancomun.org facéndose eco dunha nova de InformationWeek. Este achegamento ó software libre non é novo (hai anos dábamos conta nesta mesma web do interese amosado pola empresa en probar novas fórmulas na xestión dos seus datos, alternativas á tradicional relación coa industria do software pechado), pero o que si que é novo é a amplitude do mesmo, que implicará non só ós equipos informáticos devanditos senón tamén a 2.500 servidores.
Con este fin, a firma empregará a distribución Novell GNU/Linux SuSE Enteprise Desktop, incluíndo este paquete a versión 2 de OpenOffice. Cómpre sinalar que a medida, que afectará case a un tercio dos ordenadores da compañía, aínda se atopa nunha primeira fase estrutural, pero estímase que comezará en breve a coller corpo co proceso definitivo de migración.

PUBLICIDADE