PPdeGalicia.com: nova web do PPdeG, con polémica incluída

venres, 1 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Alberto Núñez Feijoo, presidente do Partido Popular de Galicia, e Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG, presentaron o pasado mércores a nova web do seu Partido que é un novo espazo multimedia e bilingüe, formado por 8 canles, 47 seccións e máis de 300 páxinas que inclúe a posibilidade de que tanto as agrupacións locais coma os seus cargos poidan ter presenza na Internet tanto mediante webs propias como con blogs.
Núñez Feijóo indicou que “deste xeito o PPdeG está a tecer unha rede na Rede, respondendo ás expectativas e os desexos de información que xera o partido marioritario de Galicia”.
Cos blogs do membros do Partido pretende rachar coas barreiras que existente entre os políticos e os cidadáns, establecendo distintos métodos de comunicación directa entre ambos.
O novo espazo tamén servirá para a organización de encontros periódicos con distintos membros do Partido cos internautas, que se estrearán o vindeiro venres coa intervención do secretario xeral, Alfonso Rueda.

Contraste de PPdeGalicia.com vista en Internet Explorer e en Firefox

Pero pese ás declaracións de intención para a web ppdegalicia.com, as críticas á mesma non tardaron en chegar, e o propio mércores xa había quen denunciaba que a páxina web só funcionaba correctamente no navegador Internet Explorer de xeito que noutras aplicacións tan populares coma o Mozilla Firefox o grafismo da mesma estaba totalmente descomposto, resultando practicamente imposible de consultar.
Ademais, a mensaxe en español que apuntan na web na que anuncian que está deseñada para pantallas de 1.024 x 768 píxeles e que a accesibilidade e a usabilidade son preocupacións da Área de Comunicación do Partido Popular de Galicia resulta ser unha colección de afirmacións pouco axeitades, pois a web non respecta os estándares básicos de deseño (o que queda constancia no feito de que só funcione ben no navegador de Microsoft), non resulta nada usable (atopar algo, ou navegar polas distintas seccións resulta caótico e complexo, destacando por seccións das que non se coñece o contido ata que se visita) e cunha carga que dista moito de ser rápida (comentan que tarda 45 segundos en cargar cunha conexión de banda larga a 4 Mbps).
Estas críticas chegaron ata Chuza!, onde incluso mencionaron que non eran capaces de remitir correos ó administrador da web para comentar os fallos atopados (posto que a conta de correo electrónico administrador@ppdegalicia.com aínda non existe), polo que parece que esta renovación da web do PPdeG, pese a ter a mellor intención, non resultou nunha execución satisfactoria.

PUBLICIDADE