Ozona convértese en integrador único para España de tecnoloxía de identificación de Swivel

mércores, 21 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Ozona, compañía galega centrada na análise e desenvolvemento de proxectos de cloud e virtualización, vén de unir forzas con Swivel Secure para distribuír en España e máis en Portugal a tecnoloxía PINSafe en modo SaaS. Con este acordo con Swivel, empresa do panorama internacional especializada en ferramentas de autentificación sen token (dispositivo electrónico co que conta o usuario autorizado dun servizo para facer máis doado o proceso de recoñecemento), Ozona engade á súa ampla listaxe de servizos na nube un servizo de identificación que “ofrece un xeito rápido e sinxelo de mellorar e de reforzar os métodos de autentificación de solucións web, VPN”, informa a firma galega.
Segundo conta máis en detalle, PINSafe é un recurso forte e de factor duplo baseado en tecnoloxía patentada por Swivel que permite, entre outras cousas, o acceso de maneira segura a aplicacións corporativas a través de redes privadas virtuais (VPN), sitios e máis aplicacións web mediante o uso de dispositivos móbiles ou de un navegador web. “Unha característica fundamental disto”, di Ozona, “é a ausencia de tokens físicos, o que evita os problemas loxísticos da distribución, substitución, perda, deste tipo de solucións”. E puntualiza a empresa son sede en Santiago: “Grazas a este produto as compañías poden ofrecerlles aos seus usuarios, internos e externos, unha solución sinxela, potente e económica que erradica calquera tipo de ameaza como duplicación de tarxetas, suplantación de identidades ou rexistro das pulsacións do teclado, tamén coñecido como key-logging”. Para as empresas que queiran entrar en contacto coas vantaxes deste servizo, dicirlles que Ozona achégalles ás compañías interesadas un mes de proba, gratuíto, co devandito produto. PINSafe en modo SaaS presentarase no evento SITI asLAN, entre os días 27 e 29 de marzo, no recinto IFEMA (Madrid).

PUBLICIDADE