Ozona anuncia melloras no seu servizo de soporte para proxectos de virtualización
luns 6 de febreiro do 2012, por |
A empresa galega Ozona, centrada na creación e na implantación de iniciativas de virtualización e computación na nube, vén de ampliar os seus servizos de soporte a plataformas en liña co fin de mellorar a calidade do seu servizo SAC, centrado na atención aos clientes. As melloras, que tamén se encamiñan, polo tanto, a aumentar o nivel satisfacción, inclúen entre outras cousas unha ampliación do horario de cobertura con opcións de 12x5, 12x6 e 24x7, e máis a posta en funcionamento dun servizo de monitorización remota que lle permita ao equipo de soporte de Ozona localizar posíbeis problemas antes mesmo de que sexan reflectidos polo cliente.
Ozona reforza deste xeito a capacidade de manobra, xa alta, do seu equipo de soporte, un conxunto de enxeñeiros certificados e especializados en tecnoloxías centradas na virtualización. “Estes profesionais”, informa Ozona, “compleméntase co apoio do equipo de proxectos, polo que o coñecemento da contorna do cliente é máximo”. A idea da empresa galega, con estas melloras e incorporacións, é levar ao seu servizo SAC uns cantos chanzos máis arriba en materia de calidade, proximidade e capacidade de resposta. Segundo Marcos Paredes, director da Área de Virtualización de Ozona, estes traballos representan o fortalecemento do potencial de anticipación da compañía galega, o seu potencial preventivo. En definitiva, informa, “o servizo de soporte será así máis crítico cás fases de asistencia e implantación dunha contorna, xa que afectan de xeito directo aos usuarios e ao negocio das organizacións; o cumprimento dos SALs e unha resolución rápida e eficaz son básicos para ofrecer un servizo de calidade, por este motivo, damos unha gran importancia ao feedback que nos achegan despois de cada intervención”.
Estes novos servizos están xa dispoñíbeis para os novos contratos de SAC. Para aqueles clientes que xa conten con eles, dicirlles que se habilitou un programa, Actualiza o teu SAC, con opcións de test e promocións de renovación do material dispoñíbel.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















