Ouvirmos presentará en Culturgal o seu material interactivo sobre instrumentos galegos

xoves, 1 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Entre as novidades tecnolóxicas galegas que imos poder coñecer esta fin se semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, no marco de Culturgal, contaremos coas que veñen da man do selo Ouvirmos, especializado en documentación musical galega e responsábel entre outras cousas do mapa sonoro de Vigo. Ouvirmos, que participará no programa de actividades da feira cun curso de cociña infantil, aproveitará a ocasión para presentar dúas novidades editoriais, a colección de cociña para nenas e nenos e a Guía Didáctica de Instrumentos Galegos.
Contará para amosar os seus proxectos perante o público cun stand propio, aberto as tres xornadas de Culturgal (do venres 2 ao domingo 4). A idea é a de permitir que os visitantes podan establecer o máximo contacto cas achegas tecnolóxico-culturais de Ouvirmos, entre as que se inclúe o devandito manual sobre instrumentos, un libro-CD que vén da man de Moisés Quintás e que inclúe unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. “Trátase dunha excelente ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio con todos os instrumentos, incorporando ademais unha pista interactiva en formato web con múltiples recursos e un obradoiro para a construción de instrumentos sinxelos”, sinalan dende o selo galego, que presentará o libro-CD o domingo 4 a partir das 11.30 horas.

PUBLICIDADE