Ourense quere ser a primeira provincia recoñecida como Destino Turístico Intelixente

xoves, 17 de marzo do 2016 Redacción

O Campus de Ourense acolleu onte unha xuntanza entre representantes públicos e investigadores para debullar nos seus detalles o proxecto Destinos Turísticos Intelixentes. Na sesión participaron o presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, e un importante número de científicos referenciais do ámbito estatal. Como lembraremos, o proxecto Destinos Turísticos Intelixentes é unha iniciativa impulsada por SEGITTUR para aplicar os últimos avances tecnolóxicos da xestión, da xeolocalización e do posicionamento na procura de novas metodoloxías que fortalezan a capacidade de atracción de viaxeiros das contornas estatais. Búscase polo tanto “crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo”.
O presidente da Deputación de Ourense propuxo aos expertos reunidos ampliar o estudo que están a realizar para que a marca abranga non só localidades concretas senón que acubille “todo o territorio provincial e incorpore o concepto de provincia intelixente” que está a promover a institución galega. O obxectivo da proposta de Baltar é acadar que o proxecto de destinos smart teña un alicerce territorial “máis amplo, contemplando á provincia como un todo á hora de levar a cabo iniciativas turísticas innovadoras e de vangarda”.
Segundo informou a Deputación con posterioridade á sesión de traballo, os expertos turísticos amosaron ao presidente provincial o seu interese por abrir esta nova canle de estudo, que inclúe o “concepto integral de provincia”, e que se concretaría na realización dun estudo turístico específico para Ourense. Este sería levado a cabo por un equipo multidisciplinar de expertos en turismo, co apoio da Deputación e a Universidade de Vigo. Todo isto co reto de converter Ourense na “primeira provincia que teña a catalogación de Destino Turístico Intelixente", explicou Manuel Baltar, engadindo que este recoñecemento posibilitaría “aplicar as innovacións tecnolóxicas que nestes intres lévanse a cabo co programa de Termalismo Saudable a outros ámbitos do turismo como son a natureza, a arquitectura, o patrimonio histórico-artístico, a etnografía, a cultura, os deportes de inverno e o termalismo deportivo”.
Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar, os expertos e investigadores Antonio Guevara Plaza. presidente da Rede INTUR, decano da Facultade de Turismo de Málaga e responsábel deste proxecto na Costa del Sol; Eduardo Parra, presidente da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo e responsábel do proxecto en Canarias; Fernando Vera, coordinador do Doutoramento Interuniversitario en Turismo e coordinador do proxecto en Alacante, e José Antonio Fraiz Brea, coordinador do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde. Neste traballo referido aos Destinos Turísticos Intelixentes, ao que se incorporará a provincia de Ourense, tamén participan os territorios de Asturias e Curitiba (Brasil).

PUBLICIDADE