Ourense crea a primeira unidade estatal de drons para situacións de emerxencia

martes, 26 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación de Ourense vén de impulsar a primeira unidade de drons para situacións de emerxencia do territorio estatal. Esta iniciativa, en palabras dos seus responsábeis “un gran avance para o sector das emerxencias en España”, implicou (entre outras cousas) o fornecemento de formación avanzada para os bombeiros do Consorcio Provincial de Ourense. O adestramento, subministrado pola empresa galega Aerocámaras durante o mes de outubro, permitiulles aos efectivos do Consorcio (Servizo contra Incendios e de Salvamento) obter o título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública así como o certificado oficial de AESA. Todo este proceso formativo e de adaptación traducirase, ante todo, nunhas meirandes efectividade e capacidade de resposta ante todo tipo de emerxencias, como a localización e o rescate de persoas, os lumes forestais e urbanos, o salvamento marítimo ou os accidentes de mercadorías perigosas.
Entre os obxectivos deste curso están os de subministrar os coñecementos e a capacidade de apoiar aos equipos intervenientes para a visualización remota de espazos afectados, transporte de material e outras accións de apoio aéreo.
A formación de Aerocámaras está destinada a persoal profesional ou voluntario dos servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento que traballan en situacións de emerxencias de todo tipo. A empresa, con sede en Ourense, formou na súa primeira convocatoria ao consorcio de bombeiros de España na pilotaxe de drons, sendo o de Ourense o primeiro en obter o título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Xunta de Galicia) á vez que obtivo o certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para ser Piloto Profesional de Drons.
O pleno do Consorcio Provincial aprobou tamén o orzamento para a compra do dron híbrido AeroHybrix, que sería, segundo informa Aerocámaras, a aeronave con maior tempo de voo do mercado.
Volvendo á unidade de drons ourensá, sinalar que ten a súa base operativa no Parque de Bombeiros do Carballiño – Ribeiro, achegando dispoñibilidade para o 112 ou para calquera concello da provincia. O presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e Salvamento, Pablo Pérez, explicou (en relación á devandita compra dos drons híbridos de Aerocámaras) que esta medida busca impulsar a calidade das emerxencias “xa que a tecnoloxía dos drons pode ser aproveitada dunha maneira efectiva en situacións de risco debido á dispoñibilidade de aeronaves híbridas”. Estas, como lembraremos, teñen unha capacidade de voo de 4 horas (sen carga) e de 2,5 horas (cun peso de ata 5 quilogramos), o que supón unha importante vantaxe con relación aos vehículos aéreos convencionais, que non adoitan ir alén dos 25 minutos de autonomía. De feito, o dron de Aerocamaras é quen de transportar material de emerxencias, como son boticas anexas ou salvavidas, e tamén ten capacidade para facer un recoñecemento de áreas xeográficas concretas equipado con distintos tipos de sensores.

PUBLICIDADE