Ourense celebra en La Molinera o seu Outubro Maker

xoves, 6 de outubro do 2016 Redacción

Quen pensara que a divulgación arredor do movemento Maker non ía ter continuidade logo do Galicia Market Faire (a gran feira galega de argalleiras/os celebrada a pasada fin de semana en Santiago) vai descubrir que non só haberá continuidade, senón mesmo formación especializada e múltiple sobre a cuestión. Dende o Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (Ourense) veñen de informar de que a súa programación de outubro xirará arredor deste espírito democrático e integrador da creatividade tecnolóxica. Son sete obradoiros a desenvolver baixo o epígrafe Outubro Maker. Con estas actividades, o Concello busca impulsar a cultura “de facer tecnoloxía e innovación coas nosas propias mans”.
Achéganse ao abeiro deste programa obradoiros de introdución á robótica, electrónica, e impresión 3D entre outras vertentes do Movemento Maker. Levaranse a cabo en horario de tarde ata novembro ou decembro. O prazo de inscrición xa está aberto.
· Creación de obradoiro maker abranguerá o coñecemento e utilización dos elementos dun obradoiro destas características, deseño e fabricación dunha máquina de envasar ao baleiro e experimentación con ferramentas maker.
· Robótica con Arduino trata sobre iniciación, introdución ao pensamento dun robot e manexo de programas.
· Electrónica básica para makers achegará aos participantes ao deseño de circuítos, deseño e captura de esquemas electrónicos e ensamblado de circuítos impresos.
· Introdución ao Arduino ensinará os compoñentes electrónicos, tipos de placas, ferramentas de programación e manexo de programas simples.
· Electrónica aplicada á robótica abordará instrumentos de medida, uso de polímetro e osciloscopio dixital, xerador de funcións, técnicas de soldadura, deseño e captura de esquemas electrónicos
· Impresión 3D avanzado trata sobre manexo e seguridade dunha impresora 3D, detección de avarías e coidados e mantementos de impresoras 3D.
A programación complétase cun obradoiro para os máis cativos, Youtuber para nenos, que achegará á rapazada (8 a 12 anos) ás vantaxes creativas de formaren parte da comunidade YouTube. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web do centro La Molinera, ou solicitar máis información no propio centro municipal, emprazado na rúa do Abrevadoiro, 1, Ourense, teléfono 988 374523.
Movemento Maker
A visión do Movemento Maker é a de non poñernos atrancos para facer calquera cousa que se nos antolle. Este é o espírito desta corrente: un movemento internacional de creadoras/es tecnolóxicos que reivindican a capacidade de todos e cada un de nós para facer tecnoloxía e contribuír a facer un mundo mellor a través dela. Trátase dunha vaga de creación e de activismo tecnolóxico que xunta, baixo un mesmo teito, un crecente número de persoas de distintos perfís que acreditan ao máximo na filosofía de traballar en mancomún cun mesmo obxectivo.
Este obxectivo adoita ser construír tecnoloxías únicas e innovadoras que soen ter un marcado compoñente social ou solidario, ou de utilidade para o común da xente, ou para colectivos en risco. A cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está a impulsar a posta en marcha de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento.
En definitiva, o termo Maker está ligado ao desexo de facer cousas coas nosas propias mans, o concepto chamado “faino ti mesmo” (coñecido polas siglas “DIY”, do inglés “Do It Yoursel”). O termo vén da man de Dale Dougherty de O’Reilly Media.
Estas novas metodoloxías tamén aceleran a posta en marcha de novos e prometedores perfís profesionais (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis), de novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos (e que son accesíbeis a todas e todos a través de Internet) e, tamén, de novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas.

PUBLICIDADE