Ourense abre o proceso selectivo para incorporar enxeñeiros de datos e software

mércores, 10 de novembro do 2021 S. P.

Edificio de La Molinera en Ourense, o referente tecnolóxico municipal da cidade

O Concello de Ourense aprobou as bases e a convocatoria do procedemento selectivo para formar unha listaxe de persoas candidatas a desenvolver o posto de enxeñeiros/as sénior de datos e software, en réxime de interinidade, no marco do Programa de Innovación Tecnolóxica do Concello de Ourense 2021-2024. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes do 10 ao 24 de novembro.
As bases da convocatoria están dispoñíbeis na páxina web do Concello. Segundo informou o Concello, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes de forma presencial ou telemática, durante un prazo de 15 días naturais, que se abrirá mañá, mércores, día 10 de novembro, e rematará o día 24 de novembro.
A convocatoria prevé a incorporación dun máximo de 17 enxeñeiros/as sénior de datos e software, subgrupo de titulación A1 e escala de Administración Especial, cun nivel 25 de complemento de destino e 11,68
As súas funcións serán:
-Desenvolver software e programación, en particular de aplicacións en diferentes plataformas (web, móbil e servidor).
-Deseño, implementación e programación de bases de datos.
-Creación de sistemas de información mediante o deseño, desenvolvemento e instalación de solucións de software.
-Desenvolver solucións de software estudando as necesidades de información, consultando cos usuarios e estudando o fluxo de sistemas, o uso de datos e os procesos de traballo.
-Realizar o seguimento do ciclo de vida de desenvolvemento do software.
-Dirixir proxectos prácticos de desenvolvemento de software, algoritmos na área de datos e análise de datos.
Os nomeamentos, en réxime de interinidade, terán unha duración non superior a 3 anos, ampliábeis ata 12 meses como máximo. O procedemento de selección será o de oposición e cumprirá a reserva do 7% dos postos da lista para persoas con discapacidade, de forma que estas terán dereito, como mínimo, a 1 de cada 15 postos da lista definitiva.
A fase de oposición terá carácter eliminatorio e consistirá nunha proba tipo test de con 60 preguntas teóricas e prácticas.

PUBLICIDADE