Ós xogadores de apostas en liña pódelles máis a diversión cós cartos, segundo un estudo

xoves, 1 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os estudos sociolóxicos que se publican a cotío nos medios en liña son un mundo aparte. Moitos deles, mesmo os que veñen dalgunha institución, teñen motivacións comerciais. Outros só tratan honestamente de poñerche perante os ollos unha realidade e hai (tamén) unha boa parte deles que só van encamiñados a amolarche o día. O estudo recentemente presentado pola Global Online Gambler Surveyu (eCOGRA) sobre o perfil do internauta que xoga en liña abrangue un pouco de todo o devandito, pero sobre todo semella encamiñado a quitarlle ferro a un asunto concreto: as apostas na Rede. De aí precisamente vén unha das principais conclusións do informe, feito sobre a base nada desprezable de 11.000 xogadores de 96 países: a meirande porcentaxe das persoas que xogan na Rede non o fan para obter cartos a longo prazo senón máis ben por un pura cuestión de lecer. De feito, sinala a eCOGRA, as respostas máis frecuentes á cuestión sobre os motivos da práctica do xogo en liña foron “para relaxarme”, “pola diversión e a emoción” ou “para mater o aburrimento”. En segundo plano (insistimos, en palabras da eCOGRA), aparece o que teoricamente pensamos que debería estar primeiro: “Co fin de obter diñeiro”. Os xogos máis comúns son póquer e o casino, e o perfil medio de usuario dos servizos do primeiro dos xogos na Internet é o que segue:
-Home (73,8%)
-De idade entre 26 e 35 (26,9%)
-Xoga entre 2 e 3 veces por semana (26,8%)
-Ten xogado durante 2 ou 3 anos (23,6%)
-Xoga en unha (24,1%) ou dúas (24%) mesas ó mesmo tempo.
-Xoga tanto en xogos con efectivo como en competicións (34%)
-Xoga con entre o 6 e o 10% dos seus recursos nunha mesa cada vez (23%)
Polo que respecta ó usuario de xogos de casino en liña, o perfil é este que segue:
-Muller (54,8%)
-De idade entre 46 e 55% (29,5%)
-Xoga entre dúas e tres veces por semana (37%)
-Ten visitado máis de seis casinos nos últimos tres meses (25%)
-Ten xogado durante dous ou tres anos (22,4%).

PUBLICIDADE