Os videoxogos apenas acusan a crise en España

xoves, 26 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A aDeSe publicou as cifras de vendas do sector dos videoxogos en España durante 2008, sorprendendo porque rexistraron unha caída do 1,5%, de xeito que o noso país sería o único de Europa no que caerían as vendas en 2008, o que parecen xustificar pola alta piratería, aínda que o descenso de vendas non afectase só aos xogos, senón tamén ás consolas, que venderon un 6% menos (pois o incremento do 5% nas consolas de sobremesa non puido compensar o 14% de caída das consolas portátiles).
De todos os xeitos, esta reacción do mercado deberiamos entendela totalmente allea ao sector, e orixinada pola conxuntura económica actual, de xeito que, aínda que moitos analistas sosteñan que os videoxogos pertencen a un sector anti-cíclico, a redución do consumo en xeral pode afectar ás contas de resultados anuais.
Pero pese ao lixeiro descenso dos videoxogos en España, o sector continúa a liderar o lecer doméstico, co 57% dos ingresos, superando sobradamente á suma das tendas de música, os videoclubs, o DVD e o Blu-ray e as salas cinematográficas. De feito, aínda que os videoxogos caeron en números absolutos, non foi así nos números relativos, pois nos últimos 3 anos foron en aumento con 40, o 54 e o 57% do lecer electrónico respectivamente. Entendemos así que o resto de industrias do lecer doméstico caeron máis que os videoxogos.

PUBLICIDADE