Os vídeos do descarrilamento de Angrois, o máis visto do mes en YouTube a nivel español

venres, 2 de agosto do 2013 Redacción

O mes de xullo chegou ao seu remate e co seu fin os responsábeis do blog Vidas Virales de El País puideron confeccionar a listaxe dos vídeos máis vistos en España neste mes que se vén de despedir. Por desgraza, os tres vídeos máis visualizados en xullo a nivel estatal son os relacionados co tráxico accidente de tren acontecido en Santiago de Compostela, cremos que non é preciso lembrar unha vez máis esas arrepiantes imaxes, polo que non achegamos a ligazón ás mesmas. Cambiando completamente de rumbo, no cuarto posto -con case 2 millóns de reproducións- atopamos un vídeo no cal o protagonista e un rapaz entregado en corpo e alma á canción que soa e dándoo todo no baile que se amosa no vídeo en cuestión. A responsábel desa captura é a irmá do bailarín...
No quinto lugar da listaxe temos o novo anuncio de Espetec Casa Tarradellas; un anuncio simpático sen nenos perfectos e familia ideal; iso si, non falta a masía catalá... Uns postos máis abaixo atopamos algo de música: o tema Princesa do actor e agora cantante Iván Martín. Máis dun millón de persoas puideron gozar da voz robótica deste tema que conta con rimas tan traballadas como: “Non son alguén impactante e menos alguén abraiante”. Para rematar, as primeiras imaxes do agardado Gran Theft Auto V. Haberá que agardar até o 15 de setembro para poder probalo, pero co gameplay que deixamos aquí podedes ir facéndovos unha idea do que traerá esta saga.

PUBLICIDADE