Os usuarios de Twitch Prime non estarán libres de publicidade

martes, 21 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Unha das grandes vantaxes de Amazon Prime, pouco coñecida pola meirande parte dos seus usuarios, é que tamén inclúe Twitch Prime, servizo premium que nos últimos meses incorporou interesantes novidades, como o feito de incluír xogos enteiros como recompensa, na liña do que fan Xbox LIVE Gold e PlayStation Plus. De feito, no que vai de ano repartiron recompensas aos subscritores por un valor superior a 800 euros entre xogos e botíns e, aínda que pretenden manter tal xenerosidade, vense na obriga de realizar cambios profundos no servizo, de xeito que os usuarios de Twitch Prime deixarán de gozar da reprodución universal sen anuncios, característica que o 14 de setembro deixará de estar dispoñible para novos membros e que para os actuais cesará o 15 de outubro.
Esta modificación no servizo busca mellorar as oportunidades publicitarias de Twitch, plataforma de vídeo que goza de grande popularidade entre os gamers, e que pretende competir directamente con YouTube, de xeito que non quere limitar os seus contidos ao ámbito dos videoxogos.
Quen non desexe ver publicidade en Twitch a partires do 15 de outubro terá unha alternativa: a contratación de Twitch Turbo, subscrición que custa 8,99 dólares/mes e ten outras vantaxes como emoticonas personalizadas, máis cores de chat e máis espazo para almacenar vídeos.

PUBLICIDADE