Os usuarios de R deixan de recibir as canles Antena 3 Neox e Nova por mor dun cambio lexislativo

luns, 30 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O Real Decreto 920/2006 aprobado durante o pasado verán entra en vigor, e como principal consecuencia ten que as canles de televisión poden esixir ás operadoras de cable o pago pola incorporación da programación en aberto a través da TDT á oferta televisiva, o que parece un despropósito, pois implicaría o pago por contidos que se poden achegar de balde.
As canles televisivas nun principio se beneficiaban pola redistribución dos seus contidos, pois incrementan a súa audiencia, de xeito que os programas que só podían ver os posuidores de receptores de TDT chegaban de balde ós millóns de usuarios das operadoras de cable (sen precisar da adaptación da súa antena nin da adquisición de ningún dispositivo adicional) pero algunhas compañías consideraban que estaban a enriquecer a grella da programación das cableoperadoras coas súas programacións, polo que esixían o pagamento por tal servizo, o que non era posible ata a entrada en vigor do devandito Real Decreto (xa que as compañías de cable estaban obrigadas a achegar os contidos da TDT segundo a lexislación anterior, e non se podía cobrar por unha retransmisión ordenada por lei) e, este cambio de escenario, e a imposibilidade de pechar acordos entre algunhas canles televisivas e as operadoras comezan a ter consecuencias, que en Galicia se traducen na caída da grella de R das canles Antena 3 Nova e Antena 3 Neox.
Así, os usuarios de R que tiñan sintonizado no seu televisor as dúas canles indicadas ven agora nas súas pantallas a mensaxe “con motivo da entrada en vigor do Real Decreto 920/2006 vémonos na obriga de deixar de retransmitir esta canle”. Unha mala nova non só para os clientes de R, senón tamén para o sector audiovisual, pois así ábrese unha asimetría nos distintos sistemas de recibir a televisión, posto que os usuarios non terán unha oferta televisiva básica común entre as distintas plataformas de televisión no mercado (que serían as televisións terrestres, as de cable e as de satélite).

PUBLICIDADE