Os usuarios de Insere 2.0 salientan o potencial deste servizo galego de inserción laboral

luns, 21 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Alba Costas, unha das usuarias do programa, no seu posto de traballo

A Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, puxo co comezo do ano un novo proxecto tecnoloxico-dixital. Esta nova iniciativa, chamada Insere 2.0 e dirixida a favorecer o emprego, súmase a outras recentes, como por exemplo un proxecto formativo baseado na aprendizaxe virtual. Tal e como sinalamos recentemente en Código Cero, Insere 2.0 encamíñase a tirar partido das redes e os seus recursos actuais para favorecer a busca e a consecución dun posto de traballo entre as/os demandantes de Mos (Pontevedra) e a súa contorna. A asociación, agora, fixo reconto do acadado ao abeiro da iniciativa. Segundo informa, os usuarios de Insere 2.0 están a valorar moi positivamente a súa inclusión no plan, cualificándoo de “enriquecedor e formativo”.
A día de hoxe, Insere 2.0 rexistrou xa 26 insercións laborais e 43 contratos asinados. A través desta estratexia, 102 persoas están a pór en marcha o seu propio Plan Persoal de Emprego. Este abrangue accións de información, formación, asesoramento e realización de prácticas laborais en empresas, así como sesións e dinámicas “que lles permiten afrontar a procura de emprego nun intre desfavorável”, informa AEMOS. E engade: “O desenvolvemento destes seis primeiros meses do programa permitiu acadar até 43 contratos, todo isto grazas á promoción constante que os técnicos realizan empresa a empresa, de acordo ao estudo de cada participante e dos perfís profesionais presentes nas empresas”. O programa posto en marcha pola asociación empresarial co apoio do Concello de Mos e a Consellería de Traballo, baséase en boa medida no uso da web aemos.es/insere, unha ferramenta que achega todo tipo de contidos para os colectivos desempregados: ofertas de emprego, bolsas, busca activa dun posto de traballo, emprego público, un espazo para os emprendedores, formación e ligazóns a outros portais semellantes e a páxinas web de interese para o usuario.


PUBLICIDADE