Os usuarios de Blogaliza xa poden achegar notas ós seus cadernos vía móbil

luns, 12 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

As ferramentas da información aseméllanse cada vez máis ás cousas que adoitamos a levar nos petos. Tanto na feitura como –sobre todo- no fondo. Isto vén a conto pola extensión que vén de desenvolver Goretoxo (atopada esta mañá de luns vía Chuza) e que se apoia sobre WordPress para achegarnos en Blogaliza a posibilidade de controlar o blog dende o móbil. Dito doutro xeito: permítenos mandar notas ó caderno persoal a través de mensaxes de texto. Ou sexa: a distancia e tirando partido da inspiración que xorde, ás máis das veces (que lle imos facer) lonxe da pantalla de computador.
O único que se pide para facer emprego desta ferramenta, amais da que haxa cobertura, son estes requisitos: ter un caderno en Blogaliza e solicitar a nosa alta ó administrador
A característica, que xa está operativa tamén en Chuza! posibilitando o envío de “chíos” a través dun número normal de teléfono, é segundo apunta o propio Goretoxo “de moi baixo custe tanto para usuarios como para o sistema, permitíndonos facer apuntos no noso blogue estando en case calquera sitio”.

PUBLICIDADE