Os usuarios de As Cancelas xa teñen ao seu dispor a tecnoloxía do CITIC que os leva directos á súa praza de aparcamento

martes, 2 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) presentou hoxe en Santiago a posta en marcha definitiva dunha ferramenta de gran potencial para espazos de envergadura onde conflúan un importante número de vehículos e aparcamentos: unha ferramenta directamente encamiñada a evitar extravíos e permitir que cada condutor saiba á perfección onde está o seu vehículo e cal é a mellor maneira de chegar a el. Falamos da integración do sistema LocYu Parking no Centro Comercial As Cancelas, unha iniciativa exemplar de transferencia tecnolóxica na que tamén traballou a firma Plexus e que se traduce nunha aplicación de balde, cen por cen dispoñíbel, que poría o punto e final a unha situación na que todos algunha vez nos vimos implicados: ese coche noso aparcado entre outros moitos coches que “se resiste” a ser atopado.
Co fin de garantir a máxima marxe de uso, a aplicación presentada hoxe vale para calquera dispositivo móbil, é de balde, opera de xeito automático e ademais salienta por ser moi sinxela e intuitiva. Segundo nos contaron os responsábeis do CITIC, a día de hoxe (aínda coa campaña de promoción dando os seus primeiros pasos) xa foi descargada por unhas 3.000 persoas. A cifra non fará máis que incrementarse as semanas e meses vindeiros, sendo a intención a de chegar a todos e cada un dos usuarios do centro comercial. Para o CITIC, está fóra de toda dúbida o feito de que estamos ante unha ferramenta que “non é unha aplicación máis” e que ten un importante potencial de uso. De feito, a idea de que calquera de nós pode ser “vítima” dun despiste nun aparcadoiro (e de non dar atopado de boas a primeiras o vehículo cando volvemos canda el) sérvenos para caer na conta de que o número de usuarios en potencia non debera ser pequeno, máis ben o contrario.
“LocYu Parking”, explicou hoxe o CITIC no centro comercial compostelán, “é un sistema recordatorio da praza de aparcadoiro en interiores que, instalado no dispositivo móbil do cliente é quen de memorizar de maneira automática a praza na que aparcamos o noso vehículo, achegándonos logo, ao regresar, a ruta máis curta e de acceso máis doado até o coche”. E todo isto, explicaron os responsábeis do centro tecnolóxico, atendendo a variábeis como idade, discapacidade ou embarazos. Isto que significa? Pois que se introducimos un destes parámetros, a ruta que se nos achegue terá unhas particularidades concretas de adaptación ás nosas características e necesidades. Por exemplo: se temos algunha diversidade funcional ou motriz a aplicación levaranos exactamente pola contorna que garanta a accesibilidade requirida.
Por certo que na presentación celebrada nas Cancelas participaron Javier Casado, xerente do centro comercial, Manuel González Penedo, coordinador do CITIC, e máis Carlos Escudero, investigador da Área Sistemas de Comunicacións Sen Fíos do CITIC, que é o departamento responsábel do deseño de LocYu, en cuxo impulso comercial e espallamento traballa arreo a firma de novas tecnoloxías Plexus. Segundo fixeron saber, a aplicación pódese usar en dispositivos intelixentes e tabletas, tanto para trebellos iOS como para dispositivos con Android. Co fin de solucionar o problema da cobertura en espazos pechados, apóiase directamente na tecnoloxía Bluetooth Low Energy (BLE). Esta tecnoloxía, explicou o CITIC, artéllase nunha rede de radiobalizas (baseadas en tecnoloxías estándar que salientan polo seu rápido despregue e polo mínimo mantemento que requiren) espallada polos aparcamentos subterráneos e, tamén, polo propio miolo do centro comercial (a fin de achegar a operatividade requirida dende o inicio mesmo da ruta a percorrer). A tecnoloxía BLE, sinalou o centro tecnolóxico, “resulta especialmente útil nas zonas con menor cobertura móbil ou onde non chega o sinal de GPS”.
Na presentación tamén interveu o xerente das Cancelas, Javier Casado, quen informou que o obxectivo da dirección do complexo comercial compostelán é, por unha banda, apostar polas máis modernas tecnoloxías de cara a mellorar o seu servizo e actividade e, pola outra, facilitar ao máximo a visita dos usuarios ao centro comercial, poñendo especial fincapé naqueles días de meirande afluencia de xente e, polo tanto, de maior presenza de vehículos. A nosa estratexia, engadiu, “é mellor a experiencia dos visitantes a través das novas tecnoloxías”. Asemade, lembrou que o proxecto LocYu Parking (“pioneiro en Galicia”) súmase á mellora recente da rede Wi-Fi do centro e “a unha futura renovación da aplicación de As Cancelas dirixida a converter o centro nun referente das novas tecnoloxías aplicadas ao sector das grandes superficies”. Casado manifestou a súa satisfacción por ter traballo cos investigadores do CITIC e deixou aberta a porta para vindeiras e frutíferas colaboracións.

Carlos Escudero amosando polo miúdo o funcionamento da ferramenta

Pola súa parte, Carlos Escudero, centrou a súa intervención na parte máis práctica da ferramenta e do seu uso. Falou polo tanto do seu funcionamento e da súa operatividade no dispositivo móbil dun usuario que chega no seu coche ao centro comercial, unha operatividade que comeza xusto nese intre e de maneira automática (a aplicación memoriza de maneira automática a situación exacta do vehículo) e que logo prosegue coa interacción mesma do usuario, cando este desexa saber cal é a maneira máis cómoda e rápida de regresar á súa praza. “En boa maneira”, sinalou Escudero, “a ferramenta funciona coma un navegador de estrada ao uso, subministrando a ruta exacta para chegar e sen posibilidade de perda”. E cos engadidos extra de poder introducir variábeis de personalización como idade, diversidade funcional, embarazos, carros de neno ou da compra, etc. Segundo engadiu Escudero, LocYu Parking é un proxecto vivo é, como tal, seguirá sendo obxecto de melloras e engadidos e adaptacións a diferentes contornas. Por exemplo: un dos retos ou desafíos máis importantes da ferramenta no caso compostelá será o de axudar aos condutores non só a atopar o seu vehículo senón tamén a saír do propio aparcamento da maneira máis eficiente e cómoda posíbel.

PUBLICIDADE