Os usuarios Linux de Rianxo abren campaña para eliminar Rianjo do Facebook

xoves, 9 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Fartos de ver como se lles deturpa o nome do seu concello en múltiples mapas en liña (e non é de estrañar que se lles rebordara o vaso da paciencia, tendo en conta o moito que se ten feito, ao longo de décadas, para erradicar a forma incorrecta do seu topónimo, forma errónea que ademais ninguén con sentido común usa xa), o Grupo de Usuario de Linux de Rianxo (GULIR) vén de abrir campaña para suprimir definitivamente “Rianjo” das cartografías dixitais da rede social Facebook.
A iniciativa, que se quere teña influencia sobre os restantes topónimos deturpados da nosa terra que seguen a figurar na Internet ao alcance de todas e todos, estará aberta até o 17 de abril. A petición (unha moción popular) será presentada ao grupo de Goberno de Rianxo para que se afonde nela no pleno municipal.
O obxectivo, cóntase nos medios, é facer fronte común para que Facebook (a máis popular das redes sociais, polo menos no que a número de usuarios mundiais se refire) mude o topónimo deturpado no seu servizo de mapas e localización. Para o grupo de usuarios de Rianxo, que se perpetúe a inclusión deste nome incorrecto impide o normal uso da forma axeitada e oficial, bloqueando tamén a procura de datos diversos (actividades, festas, información turística) sobre o concello.

PUBLICIDADE