Os traballos premiados no concurso-exposición das Letras Galegas 2021, no Portal da Lingua

mércores, 26 de maio do 2021 S. P.

Finalmente entregouse este 25 de maio o galardón (modalidade de infantil e primaria) do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 convocado pola Xunta ao abeiro da programación de actividades para celebrar a data do 17. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial Marta Fernández-Tapias entregaron o premio no centro redondelán, nun pequeno acto no que estiveron presentes o alumnado e profesorado autores do proxecto. As dez láminas que configuran a exposición e mais a unidade didáctica arredor de Xela Arias están dispoñíbeis xa no Portal da Lingua Galega. O traballo distinguido titúlase Xela Arias e as palabras.
García e Fernández-Tapias visitaron tamén o mural de Alba Troiteiro que loce no centro de Redondela desde este curso, tamén en homenaxe á autora anfitrioa das Letras Galegas 2021, “un fermoso e singular tributo que se suma ao voso recoñecemento como gañadoras e gañadores deste certame ou á biblioteca que leva o seu nome desde o ano 2018”, destacaron. No acto participaron tamén Xulio Gil, en representación da familia Arias Castaño, e a alcaldesa, M.ª Digna Rivas.
Xela Arias e as palabras
A proposta Xela Arias e as palabras é o proxecto didáctico co que o redondelán CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro se impuxo a varios centros de Galicia no concurso-exposición arredor da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021. Nel, a comisión de valoración encargada de resolver a convocatoria salientou a “orixinalidade e creatividade, pola beleza estética e pola diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo”.
O centro gañador recibiu finalmente un diploma acreditativo e un cheque por valor 2.000 euros. A iniciativa conta tamén coa colaboración de Feiraco Lácteos, no marco das accións de responsabilidade social da cooperativa agrogandeira galega, que contribúe ao premio con lotes de produtos lácteos.
Tanto este traballo coma o do centro gañador na modalidade de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais, da autoría do instituto IES Plurilingüe de Ames, están dispoñíbeis para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega. Política Lingüística explica que “ambos os dous supoñen recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e, así mesmo, para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas”. Forman parte da programación institucional que a Xunta de Galicia desenvolta para renderlle tributo a Xela Arias e facer partícipe a toda a sociedade galega da celebración máis importante arredor do 17 de maio.

PUBLICIDADE