Os traballadores sociais galegos poñen en xogo unha web para xestionar o seu labor

mércores, 15 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Mellorar o desenvolvemento da profesión de traballador social na nosa terra significa mellorar tamén a calidade de vida das galegas e galegos. Tanto para un cometido como para o outro, son precisas ferramentas de debate e de colaboración. Neste senso, a Rede ofrece hoxe posibilidades de abondo, e así o entende o Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia (COTDS), que vén de integrar na súa páxina web unha ferramenta en liña chamada Sinerxías, espazo de encontro para xestionar o labor dos seus grupos de traballo. As temáticas e eidos a tratar serán variados, pero terán unha característica común: serán cuestións de máxima sensibilidade para a profesión e para a cidadanía por enteiro. Por exemplo: a dependencia, que con máis de 79.000 demandantes, das/os que menos de 17.000 contan xa cunha resolución ao seu caso. Pero haberá máis: igualdade e máis adiante emigración.
A idea, como dixemos ao principio, é favorecer no posible o labor dos traballadores sociais, feito que só pode repercutir positivamente no resto da sociedade. Neste senso, a Rede é para o Colexio unha ferramenta inmellorable para canalizar ese beneficio, non só porque achega coñecemento senón tamén porque “constitúe unha fórmula óptima para articular os esforzos dos grupos, compostos por profesionais de toda Galicia”.
Sinerxías, unha solución tecnolóxica específica, está xa operativa para o labor colectivo dentro do COTDS. De feito, informa o Colexio, o grupo Análise do Servizo de Atención á Dependencia desenvolve arestora os seus estudos a través de Sinerxías, estando previsto que logo do verán se sume á cooperación en liña o colectivo Muller e Saúde, xa constituído. Máis adiante sentaranse os alicerces de Inmigración.
Sobre o Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social de Galicia
O CODTS é unha institución con máis de 30 anos de historia que ten como obxectivos a regulación da actividade profesional e a representación da profesión no seu ámbito territorial. Ademais, realiza un seguimento permanente das persoas colexiadas, velando pola súa formación continua e o respecto ao código deontolóxico, para garantir unha correcta atención á cidadanía e o desenvolvemento da actividade na sociedade en xeral.

PUBLICIDADE