Os titulares de cartóns MasterCard xa poden facer pagos con Vodafone Wallet

luns, 16 de novembro do 2015 Redacción

Os usuarios de Vodafone Wallet (o servizo IoT de Vodafone que permite aos clientes-compradores interactuar de xeito doado e seguro cos elementos físicos da súa contorna, por exemplo terminais de puntos de venda, tornos de acceso ou postes de información, con só o xesto de achegar o seu móbil) poderán realizar os seus pagos a través do móbil agora tamén con cartóns MasterCard. Segundo informa a operadora, agárdase que o servizo estea dispoñíbel no mercado europeo as vindeiras semanas. Como lembraremos, Vodafone Wallet tira partido da tecnoloxía NFC (Near Field Communication), e esta accesíbel en máis de 60 modelos de dispositivos intelixentes con Android. Esta tecnoloxía esta baseada na SIM como elemento de seguridade.
Para sacar proveito da incorporación de MasterCard, só teremos que activar o servizo introducindo o número de cartón bancario en Vodafone Wallet, onde ficará protexido na SIM e pola tecnoloxía MasterCard SecureCode. Para pagar as nosas compras só teremos que achegar o móbil aos Terminais de Puntos de Venda (TPV) dos establecementos. Ademais, Vodafone Wallet permítenos consultar logo as transaccións realizadas. Os pagos cargaranse automaticamente nas tarxetas seleccionadas que, por motivos de seguridade, requirirán o PIN de 4 díxitos do cartón para as operacións de maior importe.
Segundo informou Mark Ritzman, director de mCommerce do Grupo Vodafone, o feito de que se poidan facer compras con tarxetas MasterCard a través de Wallet é ante todo “unha excelente nova”. E engade: “Tal como anunciamos no principio do ano, os titulares de cartóns MasterCard poderán agregar os seus cartóns de crédito e pagar de forma inmediata grazas á rapidez, seguridade e sinxeleza que ofrecerá o servizo de pago contactless que poremos en marcha nas vindeiras semanas”.
Lembrar que Vodafone Wallet xa está dispoñíbel en Alemaña, España, Reino Unido, Italia, Países Baixos e Hungría. A evolución deste servizo forma parte da estratexia de mCommerce que Vodafone deseñou co propósito de facilitar unha alternativa móbil ás moedas, os billetes e as tarxetas de plástico.

PUBLICIDADE