Os telecos advirten na súa gala anual das alteracións do espectro radioeléctrico causadas polos eólicos

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

As novas instalacións e ampliacións dos parques eólicos que se están a facer en territorios como Galicia, mais tamén noutras zonas de España, están causando alteracións nas transmisións radioeléctricas, o que podería, en palabras dos telecos galegos, “acabar causando problemas de conectividade neses territorios”. O decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación, de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), Julio Sánchez Agrelo, alertou desta situación no transcurso da 27 edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que se celebrou este venres 20 de outubro no Hotel Finisterre da Coruña.
Sánchez Agrelo explicou que os enxeñeiros de Telecomunicación están a traballar xa con expertos do sector eólico na solución a este problema, co obxectivo de “evitar que a creación e ampliación de parques eólicos, indispensábel para a transición enerxética, poida afectar ás redes de telecomunicación e, por tanto, á conectividade dos territorios”.
No seu discurso dentro da Noite Galega das Telecomunicacións o decano do Colexio Oficial reivindicou tamén o papel do colectivo na transición enerxética e puxo en valor os coñecementos dos profesionais tanto na área das telecomunicacións como noutros eidos “sensíbeis” coma a IA, a xestión de datos masivos, a ciberseguridade, a loxística ou vehículos non tripulados.
Sánchez Agrelo detallou obxectivos concretos da transición enerxética nos que os telecos xogarán un papel crítico: “Sistemas de monitoraxe e control de enerxías coma a solar ou a eólica, sistemas de almacenamento para incorporar fontes de enerxía intermitentes, deseño de algoritmos de optimización e sistemas de xestión da demanda, redes de carga e comunicacións da mobilidade eléctrica... En definitiva, actuacións centrais para cumprir cos retos que expón a transición enerxética”.

Premios Galicia das Telecomunicacións

No transcurso da Noite, á que asistiron máis de 200 persoas, entre empresarios, profesionais e autoridades, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023: uns tradicionais galardóns que cada ano recoñecen o talento tecnolóxico da Galicia que vén.
Entre outras intervencións, o Premio Enxeñeiro do Ano, José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia da Corporación Televés, interviu na Gala en representación de tódolos premiados. Ao igual que Nereida Canosa Domínguez, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña.
O discurso de peche da entrega de premios foi obra da conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana Somoza.
A gala, presentada polo xornalista Manuel Blanco, puxo en valor todo “o talento dunha Galicia que camiña con paso firme polo vieiro da dixitalización”, sinalou.
Estes foron os premiados deste ano:
– Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. O proxecto Talentos Inclusivos foi distinguido con este recoñecemento polo seu decidido enfoque na solución dun problema concreto: atender as necesidades especiais das persoas afectadas polo dano cerebral. Talentos Inclusivos é un proxecto do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña (UDc) e ASPACE promovido pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía). No marco do mesmo, alumnado de Secundaria e Bacharelato de varios institutos de Galicia traballou na procura de solucións tecnolóxicas ante unha serie de retos expostos polos usuarios de ASPACE. Así explica o xurado os porqués do recoñecemento: “Trátase dunha valiosa iniciativa educativa cunha vocación dual. Por unha banda, o traballo dos alumnos foi un poderoso catalizador para espertar vocacións STEM entre os mozos á vez que se lles sensibilizaba sobre as necesidades e problemas das persoas con parálise cerebral. E todo iso, impulsado dentro dun marco de traballo totalmente colaborativo e de equipo enfocado desde un punto de vista netamente tecnolóxico. Por outra banda, Talentos Inclusivos permitiu explorar na vertente práctica da tecnoloxía desenvolvendo aplicacións e ideas que atendan as necesidades específicas das persoas afectadas polo dano cerebral”. O director da AMTEGA, Julián Cerviño, fixo entrega do premio a Manuel González Penedo, director do CITIC, Centro de Investigacion das TIC da Universidade da Coruña, e a María del Carmen Barreiro, presidenta de ASPACE Coruña.
– Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións. Liderado na innovación e o desenvolvemento e despregadura das tecnoloxías TIC a través do CITIC, do Campus Innova da Cidade das TIC e unha decidida e valiosa contribución para lograr que A Coruña fose designada para albergar a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Estes foron os dous poderosos argumentos que levaron á concesión á Universidade da Coruña do Premio Axians. Unha distinción que pon en valor “o impulso e a enerxía que empregou a institución na creación dun ecosistema tecnolóxico que será clave para a Galicia do futuro”. Ángel Emilio González, responsábel de negocio en Galicia e Asturias de Axians, fixo entrega do premio ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso.
– Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sustentabilidade e Coidado da Terra. O proxecto Vid-Expert impulsado pola consultora tecnolóxica SATEC recibiu o premio Vantage Towers pola “súa valiosa achega na redución da pegada de carbono dentro do sector da viticultura”. Vid-Expert é unha ferramenta tecnolóxica de alto nivel que, apoiándose na Intelixencia Artificial e o Big Data, non só cuantifica as emisións de carbono das adegas e os viñedos, senón que realiza recomendacións para reducilas e, por tanto, “traballa dunha forma moi activa na sustentabilidade e o coidado do medio ambiente”, salienta o xurado, engadindo que o proxecto de I+D+i, de feito, “supoñerá unha valiosa contribución ao sector por canto os actuais protocolos para o cálculo de pegada de carbono utilizados na actividade vinícola son de difícil emprego”. Antonio Raposo Vidal, coordinador nacional de Legalización de Vantage Towers, entregou o recoñecemento a Miguel Ángel López Peña, director de Innovación de SATEC.
– Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Marielena Márquez Barreiro recibirá este galardón na gala deste ano polo seu envexable expediente académico. Non en balde, recibiu a máxima cualificación media do mestrado de Enxeñaría de Telecomunicación ao longo do curso pasado. Marielena está a traballar actualmente no Centro Tecnolóxico Gradiant como enxeñeira investigadora. En concreto, na Liña de Cloud-Native Technologies, investigando e integrando tecnoloxías cloud-native para a xestión da despregadura e orquestración de servizos e aplicacións en diversos ámbitos, como as redes móbiles 5G ou modelos de Intelixencia Artificial. O seu traballo céntrase nos modelos e arquitecturas de Cloud e Edge Computing, utilizando tecnoloxías como Docker ou Kubernetes.
– Premio Socio de Honra. O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia decidiron romper un tanto a tradición deste premio para poñer en valor o perfil e a traxectoria de Víctor Salgado Seguín, avogado especializado en dereito tecnolóxico. “Salgado Seguín, socio director en Pintos & Salgado Avogados, é un recoñecido experto na normativa relacionada coas TIC e en todo o que ten que ver tanto coas cuestións xurídicas como coas súas consideracións éticas”, destaca o COETG, salientando que “o seu traballo en ámbitos como a salvagarda dos dereitos das empresas no universo dixital ou a defensa dos dereitos dos cidadáns na Rede leváronlle, entre outros méritos, a recibir a consideración do colectivo de telecos”. María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Economía, Industria e Innovación, fixo entrega do premio ao letrado.
– Premio Enxeñeiro do Ano. José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia da Televés Corporación, recibirá este ano o galardón pola “súa extensa carreira profesional e a súa decidida achega ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia”, sinalou o xurado. Desde 1981 desenvolveu a súa carreira profesional como directivo en Televés, unha das grandes multinacionais galegas e un referente tanto na área do deseño e fabricación de produtos tecnolóxicos de alto valor no ámbito das telecomunicacións como no eido da internacionalización. Vigués de nacemento, José Luis Fernández Carnero escribiu libros e multitude de artigos técnicos que o converteron nunha referencia dentro do ámbito da innovación e o universo TIC, un protagonismo que o levou a ocupar responsabilidades tan relevantes como a vicepresidencia da Fundación Gradiant ou a da Comisión de Industria de AMETIC. Recibiu o galardón de mans do decano do CETG/AETG, cunha forte aperta en nome de todos os seus colegas de profesión.

PUBLICIDADE