Os telecentros de Lugo, Melide, Monterroso e Marín únense a través de videoconferencia para falar de asociacionismo e consumo

mércores, 7 de outubro do 2009 Redacción

Imaxe do Telecentro de Comunicación de Monterroso

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, falará mañá, xoves, a través de videoconferencia desde o Telecentro de Comunicación de Monterroso, sobre asociacionismo e consumo nunha xornada organizada pola Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios do municipio, e que se poderá seguir a través de videoconferencia nos TC da Secretaría Xeral de Medios de Lugo, Melide e Marín.
Na xornada, que se desenvolverá de 19.30 a 21.30 horas, participan a Asociación de Mulleres, Consumidores e Usuarios Catasol de Melide, a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e a Asociación de Consumo e Iniciativa Social de Marín e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e usuarios Lucus de Lugo, que se atoparán nos Telecentros de Comunicación das súas respectivas localidades.
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia dispón de TC nas localidades de Coruña, Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Melide, Muros, Negreira, Oroso, Santa Comba, Santa Comba, Ribeira, Santiago, Vedra, Vimianzo, Allariz, Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Sarria, Viveiro, A Cañiza, A Estrada, Catoira, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
A Secretaría Xeral de Medios pretende dinamizar os TC da súa Rede de Telecentros de Comunicación, a través da campaña Comunícate, dando a coñecer toda as posibilidades que ofrecen para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.
A través desta campaña, búscase que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE