Os sons da seitura de Manzaneda e Trives, nova incorporación ao Mapa Sonoro de Galicia

xoves, 11 de xuño do 2020 S. P.

O Mapa Sonoro de Galicia, o gran acubillo online dos sons xeolocalizados da nosa terra impulsado polo Consello da Cultura Galega (CCG), segue a incorporar novos contidos e recursos. Segundo nos fixo saber este mércores o CCG, xa temos dispoñíbel para escoitalo nos seus detalles o Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives, unha ampla escolma dos cánticos agrarios e festivos das ditas comarcas ourensás. Este material está composto por preto de duascentas gravacións que Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, realizou e compilou ao longo de corenta anos.
Son 179 pezas que inclúen os cantos de seitura e os cantos de folións, as músicas máis emblemáticas das terras montañesas de Manzaneda e Trives.
O Mapa Sonoro de Galicia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que naceu co obxectivo de ofrecer “unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución ou por outras entidades e particulares”. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística, ou de sons da natureza, do ambiente ou da actividade humana.
O Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives completa outro cancioneiro que xa forman parte deste proxecto como é o de Quiroga, Ribas de Sil e Montañas do Lor, todos eles editados previamente por Foxo.

PUBLICIDADE