Os socialistas galegos piden un plan transversal para fomentar un uso racional e seguro de Internet

xoves, 24 de febreiro do 2022 S. P.

Os socialistas galegos, a través da voceira de Política Social, Marina Ortega, vén de facer no Parlamento unha proclama a prol de incrementar o investimento en saúde mental e “blindar” ás persoas menores de idade “ante os riscos derivados do uso problemático de Internet e as redes sociais. “Non pode ser”, exemplificou Otero, “que a autoestima dos nosos nenos e nenas se mida hoxe en número de likes e de seguidores”.
Ortega reclamou que se incrementen os recursos na prevención dos riscos que implica o mal uso das novas tecnoloxías dende a primeira nenez e na adolescencia. Ao mesmo tempo demandou a elaboración dun plan preventivo “potente, transversal e dotado de recursos” no que se coordinen medidas entre todas consellerías e a sanidade pública e que inclúa o ámbito da saúde mental e a política social. A maiores, Ortega dixo que “estamos ante un tema sensíbel que é urxente introducir na axenda política e no propio debate parlamentario para enriquecer propostas e solucións”. Deste xeito, incidiu en que “os propios adultos somos conscientes do poder aditivo que está a ter o impacto tecnolóxico”, sobre todo cando “estamos a falar dunha xeración de nativos en redes que aínda está en proceso de formación”, polo que ese impacto é aínda moito maior.
Marina Ortega citou a “elevada incidencia de riscos” para os menores, como son as cifras de sexting e grooming, así como o risco de adicción sen sustancia dos xogos en rede ou o uso problemático das redes sociais. Tamén remarcou que “a supervisión parental é baixa”, que “a adquisición do primeiro dispositivo móbil está de media nos 10 anos”, e que “case o 60% ten máis dun perfil nunha mesma rede social para sortear ese control parental”. A maiores, apuntou que “un 22,6% ten discusións na casa polo uso da tecnoloxía, cando menos unha vez á semana” e explicou que “2 de cada 10 adolescentes podería estas a ser vítima de ciberacoso e que 1 de cada 4 poderían ter xa un uso problemático da Internet”. E engadiu: “Estou segura de que moitas das persoas que nos poidan estar escoitando sentiranse identificadas con este tipo de situacións”.
Por iso, partindo de que “as novas tecnoloxías tamén reportan moitos beneficios e un gran avance para a sociedade”, tamén advertiu que “a evidencia estanos a advertir que existe a outra cara da moeda e que son as consecuencias negativas do uso problemático da tecnoloxía: sedentarismo, adicción, cambios de conduta, impacto no estado de ánimo e nas enfermidades mentais ou o índice de ideación suicida”. Por todo isto, alertou, “o maior perigo é normalizalo e non actuar a tempo ata o punto de que teñamos consecuencias irreversíbeis”.
Por todo o devandito, os socialistas reclaman a elaboración dun plan coordinado e transversal para a prevención dos riscos derivados do uso problemático de Internet.

PUBLICIDADE