Os secretarios de Emigración e Igualdade enxalzan as contribucións de Adriana Lueiro ao emprendemento TIC feminino

luns, 27 de setembro do 2021 S. P.

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tiveron ocasión de coñecer de primeira man o proxecto empresarial de Adriana Lueiro, natural de Teo e retornada de Canadá, que puxo en marcha unha empresa dedicada a formar a mulleres para potenciar ás súas carreiras no sector tecnolóxico, envorcando na súa web, www.adrilueiro.com, toda a bagaxe adquirida tras anos de traballar en empresas centradas en comercializar produtos e servizos a través do uso intensivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
No seu retorno, viaxou primeiro a Barcelona, onde puido comprobar “que as mulleres tiñan en España máis dificultades para poder acceder á creación de empresas tecnolóxicas”, polo que se decantou por poñer en marcha un proxecto empresarial que as forme para potenciar as súas carreiras, tanto no autoemprego como na busca dun posto laboral. Foi entón cando decidiu regresar a Galicia e crear aquí a súa iniciativa.
Para a posta en marcha da súa firma contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 8.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Adriana Lueiro, de alta cualificación profesional, aportando innovación e formación para a inclusión da muller nun sector como é o tecnolóxico”.
Antonio Rodríguez Miranda tamén destacou a iniciativa desta galega retornada que, ademais, está a aproveitar a oportunidade que a Fundación Ronsel está a ofrecer, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, aos emprendedores que se apuntaron no programa Merlo de mentoría para novos negocios, e que está a aportar aos integrantes da iniciativa ferramentas para implementar as súas firmas e impulsar os seus proxectos.
Neste senso, Rodríguez Miranda recordou que continua aberta a nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados.


PUBLICIDADE