Os seareiros dos videoxogos xúntanse dende hoxe no Ludus Gaming Festival

venres, 29 de marzo do 2019 Redacción

A Casa do Deporte de Lugo é estes días un centro de referencia para toda a nosa comunidade de seareiras e seareiros dos videoxogos e o lecer dixital. O motivo? A celebración do Ludus Gaming Festival, que abre as súas portas hoxe e ofrece tres días de competicións, formación tecnolóxica, demostracións e, por suposto, a posibilidade de sacarlle partido aos xogos, plataformas e dispositivos máis innovadores. O Concello de Lugo organiza este evento gratuíto que tamén vén da man de Ebone e que se celebra hoxe, de 17:00 a 22:00 horas, o sábado, de 11:00 a 22:00 horas e o domingo, 31, de 11:00 a 20:00 horas.
O Ludus Gaming Festival enmárcase na programación municipal para potenciar as novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ao mundo dixital. Estará composto por 8 zonas diferenciadas, 4 torneos e máis de 100 postos de xogo. Calcúlase que contará coa presenza de máis de 5.000 asistentes procedentes da nosa terra pero tamén de todos os recantos do ámbito estatal.
En termos máis concretos, a cita contará con tres grandes áreas. Por unha banda, unha área formativa e lúdica, que busca poñer a disposición da veciñanza “unha serie de propostas formativas que permitan o acceso ao coñecemento de novas tecnoloxías dende unha perspectiva teórica-práctica, que satisfaga ademais o desexo de aprender e facilite a oportunidade de experimentar e probar in situ os elementos que compoñen unha aproximación á tecnoloxía e aos xogos”. A segunda área é a divulgativa, técnica e de demostración, que ten o obxectivo de fornecer ao público de datos relevantes sobre tendencias, produtos e recursos da tecnoloxía. A maiores, activarase un espazo libre (free zone) que configurará un emprazamento específico para o xogo de balde.
Estas son as oito zonas nas que se artellan as tres devanditas áreas: zona torneos (con catro torneos e co obxectivo de que participen até 1.500 xogadores e xogadoras), zona obradoiros (acollendo un taller de programación e de voo de drons e un obradoiro de robótica), zona free play (con máis de 20 postos de xogo para distintas videoconsolas: PS4, Xbox One ou Nintendo Wii), zona retro arcade (configurada en modo de xogo libre, asistida por monitores que orientarán aos asistentes, e contando con ata 6 postos retro con máis de 1.500 videoxogos arcade vintage), zona simulador e VR (onde o público poderá gozar de experiencias racing car con ata 4 simuladores e xogos de realidade virtual aumentada con outras 4 simuladores de realidade virtual), zona animación, zona filmoteca-visualización (organizarase nas xornadas de venres e sábado sesións-marathon nas que se poderán ver diferentes contidos audiovisuais relacionados con StarWars, Marvel ou Hero) e zona mainstage (un escenario acompañado dunha pantalla LED onde terán lugar algunhas das accións descritas anteriormente).
Asemade, haberá un área Food & Truck no exterior do pavillón (con servizo de comida) e unha ocioteca.
Respecto do programa, contará coa presenza de referenciais youtubers e videogamers. En concreto, formarán parte do evento ZormAn, con máis de 1,4 millóns de subscritores na súa canle, Álex Alguacil, campión do mundo de PES e Aidy García Cortés, que conta con máis de 19.000 seareiros en Twitter e é xogador do club Giants Gaming.

PUBLICIDADE