Os robots LEGO loitarán este ano contra as enfermidades

venres, 10 de decembro do 2010 Raquel Noya

Un ano máis, e xa van 22 dende a súa inauguración alá polo 1988, arrinca en España a First LEGO League, a competición internacional de robótica para escolares de entre 10 e 16 anos na que se deseñan e constrúen robots unicamente con pezas LEGO.
Nesta edición, a organización desafía aos participantes a construir mecanismos que axuden a loitar contra as enfermidades, co obxectivo, segundo apuntan, “de mellorar a nosa calidade de vida”.
En total realizaranse 15 torneos clasificatorios en Biscaia, Barcelona (2), Pamplona, Madrid, Xerona, Xixón, Cornellà del Llobregat, Sevilla, Granada, Xaén, Xerez, Córdoba, Málaga, Almería e Castela e León; así como a Gran Final Española, que terá lugar en Bilbao.
Este ano, a FLL contará no noso país con máis de 300 equipos e máis de 2.700 estudantes.
Coma nas edicións anteriores, os escolares empregarán os equipos tecnolóxicos de LEGO Mindstorms e moitas pezas LEGO para, coa axuda do seu adestrador, construir e programar un robot que resolva o desafío deste ano mediante retos da vida real.
Tamén deberán investigar en Internet, conversar con científicos, visitar bibliotecas e librarías e desenvolver unha presentación do seu proxecto.
En resumidas contas, este concurso organizado anualmente por LEGO e patrocinado pola compañía tecnolóxica española GMV, permitirá, un ano máis, que os nosos mozos e mozas se divirtan e se emocionen coa ciencia e a tecnoloxía, fomentando futuras vocacións científico-tecnolóxicas mediante os valores da innovación, a creatividade e o traballo en equipo.
Os e as participantes únense en equipos de entre 4 e 10 membros e contan co apoio dun adestrador que durante 10 semanas os guía na preparación do torneo; nesta ocasión o desafío Body Forward permitiralles explorar na fronteira da enxeñaría biomédica para descubrir formas innovadodras de reparar lesións, superar predisposicións xenéticas e maximizar o potencial do corpo, coa finalidade de acadar unhas vidas máis felices e saudables para todos e todas.
Haberá dúas categorías: unha competición contrarreloxio de robots, e unha presentación do proxecto de investigación científica.
Os premiados e premiadas na Gran Final FLL España poderán acudir aos torneos internacionais: World Festival (St. Louis, USA, do 27 ao 30 de abril de 2011), ou ben no Open European Championship (Universidade de Delft, Holanda, do 2 ao 4 de xuño de 2011).

PUBLICIDADE