Os responsábeis de MEET-Teleco repasan na UVigo un ano de aprendizaxe en asesoramento e dirección

xoves, 3 de abril do 2014 Redacción

O coñecemento enriquece a quen o recibe e tamén a quen o dá. Por outra banda, o fluxo continuo de información e experiencias é hoxe en día unha fórmula que os estudantes das nosas universidades deben asumir, si ou si, de cara a formar parte dos sectores produtivos máis innovadores. Partindo desta premisa de cooperación e asesoramento entre estudantes (futuros profesionais TIC), púxose en marcha o programa MEET-Teleco na Universidade de Vigo, que xa leva un ano en activo e que se dirixe, en palabras dos seus responsábeis, “a permitir o titorado dos estudantes novos por parte dos xa veteranos”. Na iniciativa participaron 28 mentores dos últimos cursos de Enxeñaría de Telecomunicación. Ao abeiro de MEET-Teleco foron quen de adquirir experiencia en apoio e mentoring. No seu caso particular, apoio e mentoring dirixido aos seus compañeiros máis novos.
Na iniciativa traballa Javier Cebreiros, comunicador e responsábel dunha parte da formación dos integrantes deste programa. Ao seu xuízo, “a evolución dos titores é impresionante, nótase que están moi implicados e que, para eles, está a ser unha experiencia persoal incrible”. E engade: “Están completamente centrados en sacar o mellor dos seus titorizados, e despois deste tempo chegaron a esquecer o seu e mesmo ás veces das súas carreiras para centrarse nos demais estudantes, orientando todas as súas preguntas a como axudalos, como motivalos”.
Segundo informa a UVigo, Cebreiros vén de xuntarse nunha segunda sesión de traballo (a primeira foi en setembro) cos integrantes do programa. Durante a primeira xeira, ao comezo do titorado, centrou o seu labor en amosar metodoloxías para comunicar do mellor xeito posíbel, abrindo marxe para que os mentores puideran dar corpo ás ideas propostas no desenvolvemento das súas funcións. Agora e logo de doce meses de aplicación práctica das ideas propostas, a cuestión céntrase en amosar recursos que axuden aos mentores de hoxe a seren líderes das súas respectivas empresas TIC o día de mañá. Segundo fai saber Cebreiros, “o máis importante é se deciden liderar, e non que lles digan como facelo” explica, afirmando que “se eles mesmos deciden adoptar de verdade esa actitude de líder e sacar o mellor da persoa liderada, é definitivo para que poidan conseguilo”.

PUBLICIDADE