Os responsábeis de Farodevigo.es apostan polo modelo Freemium

mércores, 15 de outubro do 2014 Redacción

Algúns medios póñense na Rede e aí acábase todo. Outros prefiren o camiño contrario, o de innovar e arriscar. O Faro de Vigo, medio de comunicación galego pertencente ao grupo Editorial Prensa Ibérica, semella querer situarse no segundo grupo, emporiso vén de ampliar a súa oferta informativa para todos os seus lectores ao tempo que introduce novos contidos para subscritores na súa edición dixital. Segundo informan fontes do xornal, “trátase dun paso importante na definición do negocio de Faro de Vigo na Rede”. A fórmula que se segue: o modelo Freemium, unha innovadora combinación entre dúas estratexias non tan antagónicas: a da información básica libre e a da información con extras para subscritores. Algo así como o Spotify do xornalismo.
O camiño non é novo, e así o certifica o propio medio galego, que sinala que se trata dunha senda aberta xa por outros xornais internacionais e nacionais. Entre outras cousas, consiste en introducir na web un modelo de cobro por contidos pero mantendo o acceso de balde a toda a oferta previa informativa e de servizos. Trátase pois dunha metodoloxía Freemium, que complementa o que xa había (que segue a ser gratuíto) con novos ingredientes (novos contidos de pago por subscrición que antes non era posíbel atopar na edición dixital).
En definitiva, engade o Faro, “a web segue a ser a mesma só que agora creouse unha nova sección chamada Subscritor dende onde poderemos acceder a todo este novo contido que ten un forte compoñente local e rexional e que conta cos maiores estándares de calidade do medio”. Ao fío disto, sinalar que tanto o subscritor da edición de papel como o novo subscritor dixital poden acceder de xeito ilimitado a estas novas informacións, reportaxes, entrevistas, exclusivas locais e rexionais e artigos de opinión dos principais columnistas galegos e estatais, “sen esquecer a incorporación dos principais suplementos temáticos e semanais que agora tamén disporán dun espazo na web”, engádese.
Por certo que para convertérmonos en subscritores só teremos que completar un “sinxelo rexistro” elixir logo o tipo de subscrición que mellor se afaga ás nosas necesidades. Unha destas modalidades é o contrato mensual de 3,99 euros, que inclúe a descarga da aplicación nativa para smartphone con Android ou iOS, renovada para a ocasión. Engadir que o Faro, a xeito de promoción, puxo en marcha unha oferta de lanzamento coa cal poderemos acceder de balde a todos os devanditos artigos exclusivos por un tempo limitado de dous meses.

PUBLICIDADE