Os responsábeis de Appladin abren rolda de financiamento para levar a aplicación ao eido internacional

mércores, 4 de febreiro do 2015 Redacción

Entre as aplicacións de raizame galega que se deron a coñecer ao longo do ano que vimos de deixar atrás, sen dúbida entre as máis salientábeis atópase Appladin, unha ferramenta de gran interese empresarial, laboral e social e que se dirixe, basicamente, a botar unha man aos internautas que estean á procura dun posto de traballo. Dito doutro xeito: estamos ante un recurso móbil que conecta autónomos e clientes, profesionais e contratantes, segundo a súa situación xeográfica. Segundo nos contou en novembro Alberto Rodríguez, socio fundador da iniciativa, o obxectivo deste desenvolvemento pasa por contribuír a que nos afagamos aos novos xeitos de atopar traballo, xa que as formas mudaron, e tamén pasa por converter a tarefa de buscar un posto laboral en algo que se poida facer en calquera intre e lugar. Agora, o novo obxectivo é acadar 240.000 euros para espallar a iniciativa no eido internacional.
Segundo se fai saber dende a revista Eco (Eixo Atlántico) reflectindo fontes directas dos creadores de Appladin, esta vén de abrir a súa primeira rolda de financiamento tras comezar a actividade de seu con capital privado. Isto que significa? Pois basicamente que calquera de nós pode participar no proceso de crecemento con cifras que parten dos 1.000 euros de contribución. A meta, como dixemos, será impulsar a presenza de Appladin noutros mercados, dado o seu elevado potencial (xa conta con máis de 11.000 usuarios en España). Segundo apunta Alberto Rodríguez, “dende o principio estivo claro que ía haber demanda e mercado”. Os meses recentes foron meses de “éxito repentino”, engade, e este proceso de medre fulminante fíxolles pensar a Alberto e aos seus compañeiros “que a idea tamén podía funcionar noutros moitos países”. Como dixemos, o obxectivo é chegar aos 274.000 euros, e xa se recadou a metade do total.
Sobre o seu funcionamento e o seu alcance
Appladin, en palabras dos seus creadores “a primeira aplicación de emprego do sector servizos”, achégase con descarga e rexistro de balde. Unha das súas principais características, a maiores do devandito, é a marxe de manobra que pon a disposición do usuario. Así, con esta aplicación é o propio demandante ou ofertante quen ten o control da xestión do servizo ou os servizos. Ademais, pon en contacto directamente a ofertante e demandante, adaptando así ao mellor profesional para cada servizo ou traballo.
Pódese descargar en calquera teléfono móbil desde Apple Store ou Google Play. Dispón de valoración e opción denuncia para mellorar a calidade do servizo así como para premiar aos máis salientábeis profesionais de cada área. Desta maneira, un usuario poderá ter referencias de calquera profesional antes de contratar o seu servizo.

PUBLICIDADE